Vencer as ansias de fumar

Amelia Ferreiroa LALÍN/LA VOZ.

LALÍN

Máis de corenta persoas asistirán este ano ao curso que se promove dende Concellos Saudables para deixar o tabaco

13 ene 2011 . Actualizado a las 02:00 h.

Unha das múltiples actividades que se aglutina dentro da programación dos Concellos Saudables é a posta en marcha dunha terapia para deixar de fumar.

O pasado ano fíxose por primera vez, e dentro de poucos días está previsto comezar cun novo grupo. Trátase dunha actividade que coordina a doutora e concelleira de Sanidade do Concello de Lalín Pilar López Carrón e na que colaboran Carlos Vázquez e Vanessa Taboada, e cuxa finalidade é conseguir que os fumadores que tomen parte nesta terapia de grupo deixen o hábito. «Nesta ocasión contamos con 41 persoas anotadas polo que será preciso facer dous grupos, e o seguemento lévase a cabo ao longo dun ano enteiro. A fase máis intensiva é no primeiro mes pero dende os primeiros días os fumadores xa irán notando mellorías na súa calidade de vida», segundo explica Vanessa Taboada -nutricionista de Concellos Saudables-.

Quince persoas asistiron a dita actividade no pasado exercicio «e foron oito as que conseguiron deixar o tabaco. Este ano se acadamos os mesmos resultados... Dos 41 inscritos un importante número corresponde a mulleres. Respecto das idades son absolutamente dispares. A persoa máis xove das anotadas ten poucos máis de vinte anos e a de máis idade, sesenta e cinco. O que lles decimos sempre aos fumadores é que é posible deixar o hábito e que só se require querer. A persoa ten que acudir á terapia convencida de que desexa vencer o hábito».

O curso impartirase nas dependencias do museo lalinense, e podería arrancar o vindeiro 19 de xaneiro ás seis da tarde, data que está sin pechar á espera de que lle conveña a todos os participantes.

O tabaco mata, sentencia Taboada. «De aí que sempre animamos aos fumadores a que o deixen. Nesta terapia de grupo, despois de que cumprimenten unhas fichas sinxelas nas que deixarán constancia -por exemplo- de cantos pitillos fuman ao día, haberá sesións informativas nas que se lles falará do nocivo que é o tabaco e aqueles que precisen un tratamento médico para deixar o hábito tamén se lle prescribirá. É moi importante salientar os beneficios que, de inmediato, percibirá a persoa que deixe o tabaco. Xa aos vinte minutos a presión e o pulso voltan aos valores normais e en oito horas a nicotina e o monóxido de carbono no sangue redúcese á metade. En dous días desaparece a nicotina no organismo, mellora o gusto e o olfato e en tres días respirar será moito máis doado e aumentan os niveis de enerxía. Os beneficios son moitos».