Preto de corenta persoas anotáronse para formar parte da brigada de voluntarios que velarán polo medioambiente
20 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Interese está espertando na poboación do municipio de Silleda, e zonas limítrofes, a futura posta en marcha dunha brigada de voluntarios medioambientais. Proba delo son os resultados que se están acadando no volume de anotados, e cando aínda o prazo permanece aberto. Ate o momento 32 personas se puxeron en contacto co Concello de Silleda para formalizar a súa anotación como integrante de dita brigada, e co desexo de tomar parte nos proxectos que se poñan en marcha. As idades dos voluntarios son ben dispares, van dende os once e ate os sesenta e sete anos; sendo a franxa de idade que máis abonda a de vinte a corenta anos. A procedencia destas persoas tamén é dispar. «Contamos cun importante número de voluntarios do municipio, pero tamén os temos de Lalín, de Santiago... Parece que a idea lles está a gustar, e nós moi ledos de que así sexa», comenta o concelleiro de Medio Ambiente Gerardo Lázara.
Recentemente o garda da Sociedade de Caza e Pesca de Silleda, David Bibián, entregou nas dependencias do Concello exhaustiva información sobre vinte vertedoiros incontrolados. «É unha persoa que coñece moi ben todo o municipio e deu con todos esos vertedoiros, fíxolles fotos, están plo tanto ben controlados e tentaremos actuar sobre todos eles a partires do vindeiro mes de xaneiro, que é cando pretendemos pór en marcha este proxecto».
A intención da concellería de Medio Ambiente do Concello de Silleda é facer cuadrillas de seis persoas, que contaría cun especialista ou coñecedor da problemática medioambiental, e que segundo a idade dos integrantes podería actuar nunha determinada zona. «Está claro que un rapaz de once anos non tén a mesma forza, por exemplo, que un adulto. Haberá que ter en conta todo iso á hora de encomendarlles unha determinada tarefa. Agora mesmo estamos valorando o material que imos precisar para este proxecto: botas de auga, guantes...».
Voluntarios que non percibirán nin un só euro como remuneración. «É iso é de agradecer e de ter en conta. Pensemos que as actividades medioambientais se farán sempre en fins de semán; horas do propio lecer destas persoas que empregarán en mellorar as marxes dos nosos ríos e regatos, limpar vertedoiros, recoller lixo... Actuar en definitiva alí onde se precise dentro do municipio». Aínda que o número de voluntarios é satisfactorio, dende a concellería séguese animando aos interesados en formalizala a súa anotación nas dependencias municipais. O prazo permanecerá aberto ate o vindeiro 31 de decembro.