O Rali do Cocido enche Lalín

LALÍN

Reportaxe | Os hoteis colgan o cartel de cheo A capital do Deza non dispón de prazas hoteleiras vacantes para hoxe e mañá dende hai varios días. Esta tarde a partir das 17 horas comezarán as verificacións administrativas e técnicas

22 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

Os afeccionados galegos ao rali teñen fame de competición. Logo de catro meses sen probas, os siareiros poderán volver desfrutar mañá da emoción e da velocidade do Campionato Galego de Rali. Para comprobar as ganas de carreira dos siareiros só é preciso chequear os hoteis e hostais da capital dezá, nos que dende hai varios días, e nalgúns mesmo varias semanas, están colgados os carteis de cheo. «A tope», así resumen os responsables do Hotel Pontiñas as previsións para hoxe e mañá. Dende hai varias semanas o establecemento non dispón de habitacións libres para estes días, posto que tanto escuderías como afeccionados foron precavidos á hora de reservar habitación. Engaden ademáis dende Pontiñas que parte dos clientes repiten edición tras edición. Tamén no hotel El Palacio confirman ter todas as habitación reservadas. O hotel ten pechadas dende luns as reservas para esta noite e mañá, se ben apuntan a que en anos anteriores os siareiros amosáranse máis precavidos á hora de reservar. «Este ano a xente non se apurou tanto coma noutras edicións, pero dende luns xa non temos habitacións libres», indican dende El Palacio. Dende hai dúas semanas Villanueva ten tamén comprometidas todas as súas habitacións, «e se outras 30 tiveramos, outras 30 enchiamos», apuntan dende o establecemento. Hai xa dous meses que o hotel rexistrou as primeiras reservas, pero durante estes días continuaron recibindo chamadas, «antonte mesmo chamáronnos ata dez veces, pero xa tiñamos todo completo». A ocupación dos hoteis e hostais lalinenses está a obrigar aos establecementos da capital dezá a desprazar a siareiros do rali a hoteis e hostais de concellos próximos como é o caso de Silleda, dado que os establecementos de Lalín non son capaces de absorver a marabunta de visitantes e escuderías que se agardan para hoxe e mañá na capital lalinense. Verificacións Os 130 corredores inscritos para o XII Rali do Cocido que se desputa mañá deberán superar esta tarde as verificacións administrativas e técnicas que lles permitirán tomar mañá a saída. O parque pechado acollerá a partir das 17 horas as verificacións administrativas, que se prolongarán ata as 21. Media hora máis tarde darán comezo as técnicas. Á 1 da madrugada darase a coñecer a lista de autorizados.