E chegaron as rebaixas

LALÍN

O SOL | O |

08 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

COMA todos os xaneiros, xusto no mellor momento para os petos, chegan as rebaixas. Son puntuais, soen vir acompañadas de bombo, platillo e cifras con moitos ceros. Todos os anos as organizacións de consumidores, as institucións e os colectivos comerciais adiantan estimacións que lle poñen os dentes longos a máis de un. Á hora da verdade, só cada un sabe o que inviste, se é que realmente inviste nas rebaixas. Porque esa é outra cuestión. Teño que recoñecer que non coñezo a ninguén que siga o consello de mercar só o útil e necesario. Creo que non teño visto moita xente por Lalín adiante con notas nas que conste necesito isto, iso e aquelo . Por norma xeral, durante as rebaixas, aproveitamos para mercar o necesario, e tamén o que non o é tanto. Vaia por diante que entendo que resulte difícil iso de resistirse aos enormes cartelóns que locen os escaparates nestes días. ¡Qué bonitos e cantas cores!. «Rebajas», «rebaixas», «hasta el 50%»... ¿hai mellor estratexia de márquetin?. ¡Qué gran invento isto das rebaixas! O único defecto que lle vexo ás gangas e descontos, -que por certo, cada vez máis xente se apunta aos descontos antes de Reis- é a época na que comezan. Non as rebaixas de verán, obviamente, senón as de xaneiro. O mes de decembro non é precisamente o que máis aporte ao peto, cando menos ao propio, porque os dos comerciantes soen facer o seu agosto. As enchentas, porque son enchentas máis ca comidas de Nadal, os modelitos de fin de ano, as ceas de Nadal, o orondo Papá Noel, e os clásicos Reis Magos deixan tremando a conta corrente xusto cando máis a necesitamos. Menos mal que a estas alturas da película todos sabemos o que vén despois do día de Reis, e hai quen xa é previsor. Xa o saben, estamos en rebaixas, así que, que vostedes o merquen ben.