Obsequio de libros e entrega do Varela Buxán en Lalín

Amelia Ferreiroa LALÍN

LALÍN

MIGUEL SOUTO

En dous minutos A Mesa pola Normalización Lingüística reclama un maior uso da lingua galega

15 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O Concello de Lalín programou un par de actividades con motivo do Día das Letras Galegas, e ambas celebraranse mañán na Praza da Igrexa. Dende as once e ata as dúas, baixo a carpa instalada ao efecto, distribuiranse libros e distintos agasallos aos visitantes. Ás doce do mediodía está previsto facer entrega dos premios correspondentes ao segundo Concurso de Marcapáxinas, que convocou a biblioteca municipal Varela Jácome. Un acto ao que asistirá o concelleiro de Educación, Manuel Gómez Estévez, e no que se darán a coñecer os nomes dos gañadores. Os primeiros clasificados levaranse un lote de libros e 60 euros e os segundos, trinta euros. Dúas horas máis tarde, recollerán os seus galardóns os cinco estudiantes de centros da provincia de Ourense e outra xove lucense que se fixeron, nesta ocasión, cos premios do undécimo Certame de Relato Curto Varela Buxán, que convocou Cultura en colaboración co Museo Municipal Ramón María Aller. A Mesa pola Normalización Lingüística, pola súa banda, presentou na capital dezá a campaña central que baixo o lema Porque temos, porque queremos, porque debemos celebrarán en Compostela este mércores. Un acto de presentación que se está a levar a cabo por Galiza e que «tiñamos que traer tamén a Lalín onde contamos cun grupo de xente entusiasta. Debemos reclamar o uso da lingua galega e debemos usala aínda que ocorran casos coma o da moza de Agolada que despiden dunha empresa por falar galego. Iso pasa a cotío pero a xente non o denuncia, non lle presta atención», segundo Fátima Braña, membro da mesa.