Entrevista | Luis Nistal O colectivo lalinense brinda a súa experiencia en temas piscícolas aos grupos que tomarán parte na experiencia
04 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Os catorce grupos que se constituiron na capital dezá para traballar no Proxecto Ríos manterán este domingo o seu primeiro encontro, nas inmediacións do auditorio e posterior desprazamento ata Mouriscade. O presidente da Sociedade de Caza e Pesca de Lalín, Luis Nistal, ve con bos ollos esta iniciativa. -Aínda sen coñecela a fondo penso que é unha idea extraordinaria. O Proxecto Ríos é bon xa que poden ser partícipes todos. Toda a sociedade pode implicarse. As sociedades de caza e pesca eramos as únicas que nos preocupabamos do medio ambiente, era hora que outros se involucraran en todo isto. -¿Vostedes colaborarán? -Nós, dende sempre, velamos pola natureza e polo medio ambiente. Poden contar con nós para isto, coa nosa experiencia na materia. Non nos esquenzamos que elaboramos un plan de ordenación piscícola de gran interese. -Os traballos centraranse fundamentalmente no río Asneiro... -É un río que nos preocupa a todos, a súa boa saúde é importantísima e nós fomos os primeiros en dar a voz de alerta ante a situación que estaba a presentar, recén chegado eu á presidencia da asociación. Era hora de que houbese un maridaxe entre Concello e Adega para facer posible un proxecto desta índole. Unir é estupendo. Os nosos nenos están sobrados de coñecementos pero están faltos de educación medioambiental. -Xornadas cinexéticas para esta fin de semana en Santiago... -Son unhas xornadas xurídicas sobre dereito cinexético que organiza Aproca e nas que participarán grandes figuras do dereito a nivel nacional.