O SOL | O |
10 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.LEVAMOS XA preto dun mes en Nadal, ou alomenos iso din os escaparates, supermercados, revistas e anuncios varios. O cincuenta por cento do Nadal, fóra romanticismo, son as compras, e ninguén mo pode negar. Se alguén non está dacordo con iso só ten que darse un paseo calquera día non teoricamente laborable por rúas, centros comerciais e demáis espazos onde se gastan os cartos para comprobar o frenesí co que estes días nos botamo á rúa. Sen ir máis lonxe, as rúas de Lalín eran onte un fervedoiro de xente -tanto da casa coma de fóra - ávida de bolsas e paquetes. Quedan pouco menos de quince días para que ese señor gordecho e de barba que Coca Cola pasou de verde a vermello baixe polas chemineas, o que significa que as contas correntes xa se están mermando a un rítmo vertixinoso. Os máis previsores xa teñen os conxeladores convertidos en xélidas peixeiras para mariscos, aínda que os clásicos rezagados seguimos á espera de que o calendario baixe. Xa saben, a emoción do último momento. Xogueterías, tendas, perfumerías e comercios varios fan o seu agosto particular multiplicando as horas de traballo ao servizo dos dilixentes consumidores. Hai que mercar os regalos, sobre todo os xoguetes, antes de que se esgoten, porque non é cuestión de que chegue Reis e as súas maxestades de Oriente se atopen sen material. Os que tampouco están sós estes días son os dependentes das tendas de roupa. Nos vindeiros días multiplicaranse eses actos sociais nos que hai que escintilar coma unha árbore de Nadal, así que hai que poñer ao día o roupeiro. Por certo, aviso para as señoras: que este ano se leve o dourado, tampouco quere dicir que teñamos que ir todas desfrazadas de lingotes de ouro. Se o raciocinio non se apodera de nós, algo me di que as festas de fin de ano van parecer un congreso de burbullas do cava Freixenet.