O SOL | O |
03 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.ONTE FOI UN día deses que un non sabe nin definir. En pleno mes de agosto, logo dunha semana na que o mercurio se situou nas zonas altas, vai, e, de súpeto do ceo caen chuzos de punta. Non sei se sería por remollar un pouco ós que se deron unha volta pola feira de Lalín, ou por castigar ós que comezaron as vacacións en agosto e estiveron amolando ós que se quedaban. O caso é que onte a ración de auga foi breve, pero xeitosa. Pode parecer moi gracioso pensar nas carreiras que se deron onte pequenos e grandes; nos pés mollados dentro de escuetísimas sandalias de temporada, e nas maldicións que sairon dalgunhas bocas por esquecer os paraugas na casa, pero ós pobres incautos que se mollaron da cima ó fondo, non lles fixo gracia algunha. A auga que onte caeu do ceo, trouxo parella cambios de roupa, racións de secador, e mesmo algún que outro esbirro. Aínda así, sempre hai quen lle pón ó mal tempo boa cara, e nunca mellor dito, e pensa na mellor facilidade para sofocar os incendios e nas terras. Xa se sabe, todo depende da cor do vidro co que se mire.