Xosé Neira Vilas, un tipo universal

Luís Taboada

DEZA

Afigura do noso ilustre veciño Xosé Neira Vilas parece estar entre os candidatos a ser a figura homenaxeada o Día das Letras Galegas de 2027, nominación que fará a Real Academia Galega nos vindeiros días. Sobran motivos para que Pepe, natural da parroquia de Gres, no noso municipio de Vila de Cruces, que emigrou a Bos Aires con vinte anos, sexa elevado a esta honra literaria e social.

Na capital arxentina, no ano 1961, saíu do prelo a súa obra mestra, Memorias dun neno labrego, publicada pola editorial Follas Novas, empresa fundada por el mesmo e súa muller, Anisia Miranda. Esta editorial, de nome tan rosaliano, foi distribuidora dos libros galegos para todo o mundo dacabalo entre os anos cincuenta e sesenta, «tempos tan difíciles para a causa do espallamento da literatura galega», tal como escribiu Xesús Alonso Montero.

Memorias dun neno labrego

Memorias dun neno labrego empeza así: «Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademais, pobre». Toda unha declaración de intencións: ruralidade, miseria, emigración. Así era a Galicia do personaxe Balbino e do Neira Vilas mozo. «É un reflexo de min mesmo. Pinto un rapaz dos anos corenta», escoiteille dicir nunha entrevista radiofónica ao noso autor.

O cruceño, que estudou xornalismo en Bos Aires, foi quen de levar a súa rebeldía e identidade á literatura escribindo na súa lingua nai. Ata 358 palabras propias da nosa comarca aparecen no texto que foi traducido a unha morea de idiomas e, se non vendeu xa un millón de exemplares, pouco lle faltará. «Quen manda no libro é o lector», afirmaba Neira.

Exemplar do libro

Teño desde sempre na mesa de noite un exemplar que releo con gozo cada vez máis. Compartín co meu autor de cabeceira unha excursión pola ría de Arousa, na que falamos de vagariño. En realidade, falaba el e eu escoitaba pasmado. Ademais dun mestre cheo de vivencias e lugares, Pepe era unha persoa próxima e afectuosa.

Un tipo universal!.