Unha obra de A Ramboia, que dirixe, ten a Fran Lareu nos Premios María Casares
14 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Leva a arte nas veas. Por paixón e por tradición. María Peinado Casal, nada na Coruña e residente en Lalín, fala de que sempre quixo estudar interpretación e así o fixo, co consentimento dos seus pais artistas. Do que pronto se decatou é que «me apelaba máis a parte creativa que a interpretativa», e aí comezaron as primeiras liñas do extenso libro creativo de María.
—Cales foron os seus primeiros proxectos?
—As de axudante de dirección foi o primeiro que fixen con Il Maquinario Teatro, viñeron os pequenos proxectos e a dirección de traballos que fixo Cris Collazo, Anxo García... O primeiro proxecto que dirixín foi o da compañía A Ramboia, «O meu mundo non é deste reino», de texto de Manuel María. Foi un espectáculo que funcionou moi ben, e mesmo resultou premiado co Manuel María. O premio, á marxe dunha contía económica, lembro que foron 24 funcións. Marabilloso! Iso permitiu darse a coñecer como compañía. Un proxecto que tamén foi merecente de dous premios María Casares, en dramaturxia e dirección.
—Empezou forte.
—Bueno... (ri). Foron uns galardóns que funcionaron como unha moi boa carta de presentación da compañía e do traballo feito, pero logo veu a pandemia...
—Aí tocou parar ou aproveitou para activar outros obxectivos?
—Aproveitei para escribir, moito. Non podes permitirte parar xa que do contrario esquécense de ti. Foi unha etapa na que xurdiron novos proxectos, unha situación que fun combinando coa maternidade (ten na actualidade dúas cativas), e naceu o texto «E entón, un xardín», montado para a Compañía Paporrubio de Luchi Iglesias. Foron meses en que xurdiron tamén textos para certames, non era momento de quedarse quieta. Posteriormente no ano 2021 tiven un parón polo nacemento da miña filla. Foron pois anos de escribir e maternar!.
—Atreveuse mesmo coa ópera, que non é algo moi habitual.
—Non, non é algo que se vexa todos os días (ri), e en moitas ocasións quédame no tinteiro. Foi a finais do ano 2020 en que fun directora de escena da ópera «O lobo de Carlos V», composta por Nani García, nun contexto totalmente novidoso para min que nunca dirixira unha ópera, pero foi absolutamente marabillosa a experiencia.
—Despois de dirixir teatro e ópera, onde se sente máis cómoda?
—É distinto. Na ópera todo está moito máis concentrado e no teatro é máis dilatado, pero traballar con Miguel Anxo Prado que fixo a escenografía e Baltasar Patiño a iluminación desa ópera foi espectacular.
—Cando nace a Compañía A Ramboia da que é directora?
—Naceu no ano 2023, e arranca coa escritura do texto Un tal Romeo. Trátase dunha obra que protagoniza Fran (Lareu), Anxo (García), Germán Gundín, que dirixo eu e que sacamos adiante sen ningún tipo de subvencións.
—Dobremente satisfeita entón de que Fran Lareu estea nominado ao Premio María Casares como mellor actor protagonista por ese peza, e por habela sacado adiante sen axudas.
—A verdade é que si. Tes que ter un alto nivel de facturación para contar con subvencións, e iso só o conseguen unhas quince compañías, polo que isto é unha tarefa xigantesca, pero dáche liberdade para facer o que queres. Todo foi construído coas nosas mans.
—Que papel ten nesa obra?
—Fixen o deseño, escenografía, vestiario, o espazo sonoro, dramaturxia e dirección.
—Case todo menos actuar.
—Si (ri). Teño tendencia a crear todo, a visualizar o espectáculo completo e tamén teño que recoñecer que a infraestrutura que temos na compañía é a que é, sen máis.
«Temos que validar máis o noso traballo que os homes directores, pero avanzamos»
María Peinado encara con moita ilusión a final dos Premios María Casares, que se fallarán o próximo 8 de abril, e nos que o actor lalinense Fran Lareu —a súa parella— está nomeado a mellor actor protagonista, pola obra Un tal Romeo da compañía A Ramboia, e tamén como actor secundario. Nominación que lles chegou, comenta, por sorpresa pero consciente do enorme traballo que realiza Lareu sobre o escenario. «Fran leva todo o peso e o traballo do espectáculo. É moi minucioso en todo aquilo que fai, pero a compañía sendo claramente da periferia e colarnos por segunda vez nos María Casares é para estar contentos e orgullosos, que é como estamos. Tamén hai que dicir que somos esixentes no noso traballo, queremos ter funcións e poder producir moito».
A directora coruñesa ten entre mans un novo proxecto: neste caso infantil, cuxo punto de partida é o mítico Cine Lalín, «co que pretendo apelar sobre a importancia da arte e o cinema», e que podería estrear a Compañía A Ramboia para maio, anima aos novos a loitar polos seus soños aínda que sexa no eido da dirección, onde non sempre é doado facerse un oco. «As mulleres temos que validar máis o noso traballo que os homes directores, pero avanzamos moito. Temos que dicir os nosos nomes con maiúscula, e xa hai creadoras e directoras que se coñecen polo seu nome. A batalla foi librada e conseguida, pero hai que coidar esa rede de apoio entre as mulleres do sector».
Do que non lle cabe ningunha dúbida á dramaturga e directora é da necesidade imperiosa que ten de crear, sempre. «Expoñer ese meu mundo interior que me permite cumprir soños encima dun escenario. Iso é unha vía de escape absolutamente brutal, que para min, é moi necesaria».