Abordar a sexualidade desde a regueifa, nun documental

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Miguel Souto

Mozas de Vila de Cruces, O Courel e Compostela participaron no traballo que se proxectou en Lalín, e viaxará por Galicia

05 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

«Regueifando con Pracer». Así chámase o documental proxectado onte no edificio sociocultural Manuel Rivero de Lalín, que protagoniza un grupo de mozas de distintas localidades galegas: Vila de Cruces, O Courel e Compostela, e que aborda aínda un tema do que pouco se fala; e menos en público: «a sexualidade, un temaza que nos acompañará ao longo de toda a vida, pero que segue sendo tabú», contextualizaba María Sra Placerful que xunto ao Colectivo Aopaso impulsaron esta peza, dirixida por Cora Peña, producida por Trespés Filmes e en colaboración con Azos Feministas.

Un traballo que é unha sinopse do que significa a regueifa para este grupo de mozas, protagonistas do documental, que foi gravado de xeito integral e en só dúas sesións na comarca do Deza, máis concretamente entre o IES Marco do Camballón (Vila de Cruces) e os exteriores do mosteiro de Carboeiro (Silleda), no que o fío condutor é falar de sexualidade «a través da regueifa, todo de xeito totalmente improvisado. Son elas, en primeiras persoas, falando do seu e o que significa para cada una delas a sexualidade. É un documental que vai do máis íntimo ao colectivo. Un espazo no que tamén se recupera a tradición, a oralidade e a lingua», comenta María.

Unha peza que, para as súas autoras, combina intimidade e comunidade, prosa e verso, a través de conversas e de coplas que xiran sobre a sexualidade. Non agochan que a temática non é doada de abordar en moitas ocasións, «pero con este documental tamén búscase rachar con esa barreira, e as protagonistas fixeron un traballo excepcional, improvisando pero de xeito moi natural», explica María.

Para os que non puideron gozar onte da proxección de «Regueifando con Pracer» en Lalín, haberá oportunidade de visualizar o documental noutras localidades e cidades galegas nas que se están pechando as vindeiras citas, que serán anunciadas a través das redes sociais.