Do bombo dos Gaiteiros de Soutelo ao Changüí

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

05 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Soutelo de Montes despide ao músico José María Gulías Picón. Máis coñecido como Caladiño, José María deixa unha pegada imborrable no concello de Forcarei. Mellor ca ninguén sábeo o músico e musicólogo Rubén Troitiño, que recompilou a historia musical da comarca na web Músicas na Terra de Montes e que coñece a fondo a aportación de Caladiño.

Segundo nos recorda Troitiño, José María Gulías naceu o 20 de xullo de 1930 en Soutelo de Montes, medrou nunha familia con tradición musical e desde moi novo desenvolveu a súa paixón pola música. Converteuse nun consumado intérprete de instrumentos de percusión, aínda que tamén chegou a tocar algo o acordeón. Caladiño comezou como zapateiro, oficio no que se caracterizou polo seu carácter tranquilo e calado, feito que deu orixe ao alcume de Caladiño, nome que o acompañou durante a súa traxectoria. Máis tarde traballou como garda xurado de caza e pesca e como canteiro rural, compaxinando sempre estas actividades coa súa verdadeira vocación: a música.

Aprendeu a tocar o bombo da man dos Gaiteiros de Soutelo. Caladiño tamén formaría un dúo con José Fírvida Cachafeiro, máis coñecido como Maduro, dúo denominado Orquesta Changüí, integrado por acordeón e batería. Caladiño tocaba a batería e Maduro o acordeón. O nome da formación aparece gravado no bombo. Cando Maduro emigrou a Venezuela, Caladiño colaborou no salón de baile Changüí con outros acordeonistas, como Randeiro ou Millara do Carballiño ou o forcaricense Jaime Salvador Barreiro Outo.

Caladiño residía agora en Arteixo, aínda que mantiña unha forte vinculación coa súa terra, onde o seu compás seguirá presente por sempre.