Seguirá catro anos máis na presidencia do colectivo e xa traballan para os actos de entroido e o festival de rock
27 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A Asociación de Veciños Bolarqueiros de Noceda (Lalín) é o espello no que se miran moitos colectivos polo dinamismo e traballo que leva a cabo a entidade parroquial. Á fronte da mesma seguirá Pablo Romeo, despois de que o acordasen os asociados na asemblea extraordinaria celebrada fai uns días.
—A asociación ten dez anos de vida, cantos leva Pablo Romeo de presidente?
—Tantos como a asociación, e non sempre é fácil dispoñer de tempo para estar á fronte dun colectivo, pero estou satisfeito do traballo feito e do apoio recibido para intentar poñerlle máis vida a Noceda.
—Buscaba relevo na presidencia despois dunha década?
—Desexo que haxa relevo por parte da xente máis moza que é a que debe implicarse e coller este tipo de cargos, pero agora mesmo non se daban as circunstancias para que alguén collera estas responsabilidades e hai que seguir contribuíndo e nun futuro veremos se chega, e de non ser así será preciso continuar tirando o tempo que se poida. É certo que somos reacios a dar un paso adiante para presidir unha asociación polo tempo e pola dedicación que supón isto se queres que o colectivo funcione. É moito traballo e custa coller este tipo de responsabilidade. No ano 2015 xa había ganas de formar unha asociación veciñal, pero o que faltaba era quen tomase a decisión e dese un paso definitivo. As asociacións quitan tempo á familia, pero é algo que asumes para manter vivo o noso.
—Pero certo é que entraron moitas caras novas na actual xunta directiva.
—É moi importante, e é unha sorte que a xente moza da parroquia quixese sumarse ao traballo que se fai desde a asociación. Todos os mozos e mozas de Noceda están no colectivo e non lles podemos pedir moito máis.
—Como entidade veciñal que son sempre apostan por melloras no territorio, cales son as peticións a cursar?
—Temos unha rede de saneamento feita nalgúns lugares pero aínda quedan catro sen o devandito servizo, temos en proxecto construír un campo da festa máis amplo para levar a cabo actividades, a mellora de accesos ás aldeas e o máis importante que a xente veña vivir ás mesmas.
—Dispoñen actualmente na parroquia de casas en venda ou en alugueiro?
—Algunha hai. O que se comprobou é que as persoas propietarias de vivendas que deron o paso para vendelas ou alugalas viron como se ocuparon axiña. Iso é moi bo. O que facemos é aportar vida á parroquia, e iso depende dos veciños que sexamos.
—Manterán o programa de actividades de anos anteriores?
—Esa é a intención. Para o próximo 13 de febreiro xa teremos o entroido, para irnos xa as festas en maio, a Pascuílla de Lamas, Noceda Rock, as nosas festas patronais de agosto, e toda a actividade a celebrar no centro social da parroquia coas clases de baile, pilates, canto e percusión e todo aquilo que poida ir sumándose ao longo dos vindeiros meses.