Raquel Campos, gañadora do Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela: «Esquecemos que os adultos tamén pasamos moito tempo nas pantallas»
DEZA
Raquel Campos Pico (Santiago, 1984) recibiu de mans da concelleira de Cultura do Concello da Estrada, Lucía Seoane, o galardón dotado con mil euros por acadar a vitoria na trinta edición do Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela. O xurado recoñeceu por maioría que Non estamos ben en internet era a peza gañadora dun certame do que xa resultou premiada no 2016 por Descubrindo á esquecida Marquesa Roja. Campos quixo poñer en valor a importancia do Reimóndez Portela por «invitar a facer un xornalismo máis reflexivo e repousado».
Un xornalismo que serve como antídoto fronte á desinformación que inunda as redes sociais e internet en xeral, tal e como destaca no seu traballo sobre a hiperconectividade que estamos a vivir, coa necesidade de desconexión dixital pero sen caer no absurdo de desprezar todo avance tecnolóxico.
Neste senso, Raquel Campos fixo unha reflexión sobre os perigos dun mal uso de internet e as redes sociais nos menores e na poboación en xeral. «O impacto que teñen na adolescencia é máis importante porque estás nunha etapa da túa vida na que tes menos ferramentas para afrontar as cousas. Moitas veces esquecemos que os adultos tamén pasamos un montón de tempo nas pantallas. É un problema transversal que merece unha reflexión profunda», sinalou.