Trinta anos non son nada... ou son todo

Manuel Blanco

DEZA

Din que trinta anos non son nada. Mais tamén poden ser unha vida enteira de traballo, de teimosía, de amor silencioso polo que somos. Parece que foi onte, e con todo, o tempo, ese artesán paciente e fondamente humano, foi deixando a súa pegada. Xa pasaron trinta anos de labor incansable, de esforzo discreto e dunha ilusión tan desmedida como imprescindible. Trinta anos de soños erguidos coas mans, de lembranzas tecidas con memoria e de esperanza feita futuro.

Todo comezou nun novembro de 1995, unha data gravada a lume na emoción. Coincidía co vixésimo segundo aniversario do pasamento da miña querida nai. Nese intre de ausencia fonda e memoria viva, tomamos unha decisión que mudaría para sempre o noso destino: devolverlle a vida a aquela casa en ruínas, ferida polo abandono, mais aínda provista de alma.

Pouco a pouco, pedra a pedra, peza a peza, a casa foi espertando. Fomos enchendo os seus recunchos de voces do pasado, de obxectos cargados de historias, devolvéndolle a dignidade e o esplendor que nunca debería perder. Sen apenas decatarnos, aquela vella vivenda renacía das súas cinzas para converterse nun faro da memoria colectiva, ata chegar a ser unha das coleccións etnográficas e arqueolóxicas máis importantes de Galicia.

Naquel día fundacional non fomos quen de comprender o alcance do que estaba a acontecer. En realidade, asistíamos ao espertar dun mito, ao nacemento dun soño que transformaría as nosas vidas por sempre: o Museo Casa do Patrón. Así comezaba a súa andaina o gran Ecomuseo do Mundo Rural Galego, erguido nunha encrucillada privilexiada, no corazón xeográfico e simbólico de Galicia, onde dende sempre conflúen camiños, historias, tradicións e xentes. Os inescrutables camiños do destino quixeron que aquela antiga vivenda, coñecida como Casa do Patrón dende varias xeracións polo seu prestixio e relevancia na comarca, non chegase a ser o noso primeiro fogar. Meus pais mercárana en 1971 coa ilusión de facer dela casa e vida, mais a morte prematura da miña nai, dous anos despois, truncou aquel soño familiar. O que semellaba unha perda definitiva acabou sendo, o xermolo silencioso dun legado moito maior.

Fieis a ese camiño trazado e percorrido ao longo dos anos, no presente exercicio desenvolvemos unha intensa actividade cultural e turística do máximo nivel. Iniciamos o ano coa honra de recibir o terceiro premio do SICTED, outorgado polo Ministerio de Industria de ámbito estatal, na modalidade de Servizo Turístico máis competitivo. Un importante recoñecemento á calidade, á profesionalidade e ao compromiso constante coa excelencia e co territorio.

Ao longo do ano celebramos o XV Seminario de Saúde, Benestar e Vida Natural; a XXVI edición da Malla Tradicional de Lalín, Festa de Interese Turístico de Galicia; a XVII Recreación do Proceso do Liño; e a VII edición de Unha Aldea no Nadal, que devolveu ás casas e ás rúas a calor fonda das tradicións galegas do inverno. Acometemos tamén o proxecto de valorización turística do Castro de Doade e a musealización da súa muralla defensiva, co patrocinio da Dirección Xeral do Patrimonio, reforzando a unión entre arqueoloxía, paisaxe e memoria. Publicamos o IV Manual de Obradoiros Educativos destinado aos centros de ensino, o libro As plantas medicinais e os remedios curativos da etnobotánica galega, e o documental etnográfico O liño en Galicia, unha profesión artesanal esquecida, contribuíndo á difusión e preservación dun saber que non pode caer no esquecemento.

Esta intensa actividade completouse coa atención de máis de 15.000 visitas guiadas ao Museo e ao Castro de Doade, entre elas arredor de 4.000 nenos, profesores e alumnado de centros educativos e universidades galegas. Sumamos a isto a titorización das prácticas de estudantes de grao da Universidade de Santiago e o labor permanente de recompilación, restauración, conservación e exposición de innumerables pezas do noso patrimonio etnográfico, verdadeiro corazón vivo do Museo.

Queremos expresar o noso máis fondo agradecemento á Xunta, á Deputación, ao Concello de Lalín, ás Universidades de Santiago e Vigo, así como á colaboración xenerosa de centos de veciños e amigos do Museo e tamén o excepcional traballo desenvolvido polo equipo do Museo. E, sobre todo, aos milleiros de galegos e galegas que seguen facendo da Casa do Patrón un dos seus destinos culturais, turísticos e gastronómicos máis queridos. No vindeiro ano continuaremos traballando a reo, con humildade e determinación, ao servizo da cultura, da etnografía, da arqueoloxía, da gastronomía e da natureza da Galicia interior. Seguiremos avanzando xuntos neste longo camiño que aínda nos queda por percorrer para explicar ao mundo o inmenso potencial da nosa terra e das súas xentes, herdeiras dun pasado que merece ser contado e dun futuro que merece ser coidado. Feliz Aninovo 2026!.