Matrioshka Teatro ofrece este sábado unha divertida reflexión sobre o galego

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

09 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O teatro Principal da Estrada, no marco da súa programación de outono, ofrecerá este sábado a peza teatral Fala fala falangueira, unha divertida reflexión sobre a lingua galega co selo da compañía Matrioshka Teatro.

O espectáculo, dirixido a nenos e nenas a partir de seis anos, ás súas familias e a todas aquelas persoas qeu sintan amor e respecto polo galego, será ás 12.30 horas. As entradas (3 euros) pódense recoller de forma anticipada no departamento de Cultura do Concello ou ben no portelo do teatro Prinjcipal, xusto antes da función.

Fala fala falangueira nace do amor á lingua galega. Nela, as actrices Chelo do Rejo e Anabell Gago, dirixidas por Gena Baamonde, xogan arredor do universo das palabras, revelando como estas foron transmitidas de xeración en xeración.

Inspirada en poemas, cantares tradicionais, cartas ou contos, a peza desenvólvese como unha sucesión de xogos. Cunha historia aventureira, divertida e máxica combinada con elementos de teatro físico, narracións e factores sorpresa así como co simbolismo da iluminación, a obra consegue transmitir a mensaxe de que fai falla usar con orgullo a lingua galega.