O festival As Nosas Músicas levou o baile galego ao máis alto cun novo éxito de público
16 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O festival As Nosas Músicas é unha referencia no mundo da música tradicional galega. Unha «macrofoliada» que encheu esta parroquia estradense o pasado xoves, aínda que dende o mércores o ritmo comezaba a sentirse no ambiente. Centenares de persoas non volveron fallar cunha cita marcada en vermello no calendario, organizada pola Asociación A Xesteira, que novamente observou con orgullo o éxito do seu proxecto que cumpriu 28 anos.
Este muiñódromo comezou a funcionar dende ben cedo, tanto que fixoo o mércores con xogos tradicionais, mostra de artesanía, monicreques e ruada Tequexetéldere, Utreia, os gaiteiros de Barbude, As Rianxeiras da Covecha e as pandereteiras da Carrabouxa. Porén, o gordo foi o xoves, con actividades ao longo da xornada e unha foliada ata o amencer.
Celebraron unha mesa redonda sobre tradición oral musical en Galicia, soando na sesión vermú as pandereteiras de Buxán e Benofán, acompañados polos xigantes e cabezudos de Couso. Voltaron os xogos tradicionais para os máis pequenos —e os que non o son tanto— e animación con Art-Monium. Tamén houbo un taller de iniciación ao baile tradicional con Montse Rivera, unha cita moi útil para aqueles que non querían quedar atrás nas foliadas da noite.
Homenaxe a Mercedes Peón
Nesta «catedral da música tradicional galega» participaron as Lagharteiras, Silvaredonda, Alvariza e A Banda das Crechas. O momento máis emotivo chegou coa entrega do premio As Nosas Músicas. entregada a unha figura senlleira da nosa tradición musical como é Mercedes Peón, que recolleu o galardón de mans de Eva Fernández, da revista Rebelico.
Remata así unha das citas festivas máis importantes do verán no concello da Estrada, reivindicando o poder de convocatoria da música tradicional e o potencial do rural. Destacar que este ano incorporouse un sistema cashless ou sen efectivo, unha pulseura para facer pagos e compras no recinto sen necesidad de usar diñeiro físico.