Silleda recoñece á investigadora e divulgadora da música tradicional galega Leticia López
DEZA
Neste mes de maio a muller escollida polo Concello de Silleda como (in)visible é Leticia Lopez Rey, pola súa labor na conservación e difusión da música tradicional galega. Nacida en 1993 e orixinaria da parroquia de Escuadro, está afincada na actualidade en Santiago. Comezou no mundo da música case por azar, ao incorporarse con catorce anos ao grupo O Son da Fervenza de Escuadro.
Porén, a súa relación coa música viña de moito antes, enraizada no ámbito familiar xa que a súa avoa, Josefa Méndez, quen aprendera a tocar a pandeireta de nova nas ruadas de Xestoso. Desde que Leticia López era pequena a súa avoa transmitiulle este legado a través das cantigas herdadas de xeración en xeración. A iniciou na pandeireta e a animou a participar no grupo de Escuadro.
Durante a súa longa traxectoria estivo en Pau de Buxo, Fortín da Pomba e Ruadeiras de Loimil, onde daría os seus primeiros pasos con diferentes instrumetnos. No 2013 comezou a investigar as cantigas e a súa procedencia. Ao ano seguinte e xunto a Miguel Barbazán e Alejandro Martínez emprendeu a compilación de tradicións orais e musicais, moitas delas en risco de desaparecer.
«O patrimonio inmaterial, especialmente aquel que habita só na memoria das persoas maiores, é o máis fráxil e efémero», resalta Leticia López. Esa compilación segue na actualidade para documentar cantigas, bailes e outras expresións culturais. Na actualidade combina a súa labor de investigación coa docencia, e forma parte da sección oficial de pandereteiras da agrupación Cantigas e Agarimos.
Desde o Concello de Silleda destacan a gran contribución de Leticia López na preservación e divulgación da música tradicional galega, protagonista neste mes de maio ao dedicarse o Día das Letras Galegas á figura das cantareiras. Tamén remarcan a súa colaboración na programación das Letras do Concello, cun «photocall» no que pode descargarse a través do código QR parte do seu traballo, as coplas recollidas e editadas da súa avoa, Josefa Méndez, e de Nieves Vidal, veciña de Laro.