Guadi Galego presentará o día 28 no Principal o espectáculo Síntese Horizonte

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

14 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A artista Guadi Galego achegará por primeira vez o seu espectáculo Síntese Horizonte á Estrada, nunha cita co teatro Principal que comezará ás 21.00 horas. As entradas xa están á venda na plataforma Entradium.

Síntese Horizonte é unha proposta expresamente concibida para teatros, na que Guadi Galego se acompaña de grandes artistas do país. É o caso da banda conformada por Guillerme Fernández (guitarra acústica eléctrica e sintetizada), Rubén Iglesias (baixo e sintetizadores), Isaac Palacín (batería e percusión) e Álex Fernández (teclados). Completan a formación, como vocalistas e pezas chave do directo, Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Jiménez.

Guadi Galego xa percorreu os principais escenarios de Galicia con este espectáculo. A cita na Estrada forma parte da xira de despedida de Síntese Horizonte, que celebrará o seu último concerto no mes de outubro en Compostela.