Unha baixada de carrilanas para un Entroido diferente

AMELIA FERREIROA LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

A parroquia lalinense de Santiso acollerá o evento o 11 de febreiro

19 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Desexosos de dinamizar o rural, un grupo de veciños de Santiso (Lalín) decidiron darlle unha volta de novidade ao tradicional Entroido da parroquia, e activar a primeira edición da baixada de carrilanas dobres e mixtas. A data escollida para o evento é o próximo 11 de febreiro, domingo de Entroido. «A idea é aproveitar o día para facer actividades ao longo de toda a xornada, que a xente veña ao rural e celebre o Entroido aquí, e ofrecerlle aos veciños e aos visitantes algo máis que un concurso de disfraces, que tamén o teremos», explica Marcos Quintana Cuñarro, un dos encargados da organización.

O prazo para os interesados en tomar parte na baixada de carrilanas xa están en tempo para formalizar a súa anotación, lembran dende a organización, aínda que remachan que «o 70 % das mesmas teñen que estar feitas en madeira, logo cada un que lle poña a creatividade que queira, e irán na carrilana dúas persoas». Outro dos condicionantes que deberán de cumprir os participantes nesta primeira experiencia de baixada por Santiso é ir disfrazados. A organización xa conta cos percorridos a seguir ese día; «temos un par deles e, segundo a meteoroloxía do 11 de febreiro xa que queremos que sexa perfectamente seguro o descenso, escolleremos un ou outro pero en ambos casos serán uns 700 ou 800 metros de descenso», asegura Marcos. Unha baixada, na que non faltará colorido e diversión, pero tamén premios para a totalidade dos participantes e para aqueles artiluxios que destaquen pola súa creatividade e ofrezan espectáculo. Haberá tres premios de 500, 300 e 100 euros aos tres primeiros clasificados e un agasallo para todas as carrilanas que se anoten á baixada. A presentación e verificación das carrilanas será ás 11 da mañá, para hora e media despois dar paso á volta de recoñecemento e percorrido da proba. Despois do xantar, previsto para as 14 horas, arrancará o descenso das carrilanas ás 17 horas para finalmente facer a entrega dos premios ao fío das 18.30 horas.

Unha xornada de festa en Santiso que pretende abarcar todo o día, dende media mañá ata a noitiña, cunha ampla programación. «Imos ter unha carpa na que se poderá xantar a base de polbo e carne ao caldeiro, haberá música para amenizar o evento e tamén concurso de disfraces. Un pouco de todo para que a xente goce dun día completo no rural», afirma Marcos Quintana.