O IES Nº 1 súmase á campaña «Aquí tamén se fala galego» e deixa a súa pegada nos negocios locais

D. C. A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

cedida

28 dic 2023 . Actualizado a las 16:00 h.

Numerosos comercios estradenses durante estas festas de Nadal teñen as súas portas ou escaparates decorados con carteis que levan cunha consigna clara: «Aquí tamén se fala galego». Un apoio explícito ao uso do noso idioma que ven da man dos alumnos do IES Nº 1, os cales sumáronse a esta campaña que iniciou en maio o instituto Rafael Dieste da Coruña.

Trátase dunha iniciativa na que participan 150 centros de ensino e que ten por obxectivo promocionar o uso do galego no ámbito comercial e empresarial. Acompañado co cancelo #aquítaménsefalagalego, o alumnado do instituto estradense quere replicar o éxito dos seus colegas coruñeses e estender esta campaña cultural por todos os comercios da vila.

O Copión, Librería Durán, Confecciones Loigar, Dona Formiguinha, Petiscos, Mimela, Explotacións Porcinas Tato, Mercería Fondevila, Eva Shoes, Casal de Creación, Copistrada, A tenda de Lolita e Carmiña, Barbería Carlos Conde ou a perruquería Maru do Souto son algúns dos negocios que se sumaron á iniciativa.

Os mozos e mozas do Nº 1 achegaranse aos establecementos e empresas durante estas festas para pedir que se unan á campaña «co único compromiso de mostrar publicamente que aquí tamén se fala galego», indican dende o centro. A través das redes sociais do instituto difundirán os diferentes comercios que decidiron apoiar esta acción coa que rachar prexuízos.