Xeiras do Instituto de Estudos Miñoráns pola comarca de Deza

Daniel González Alén / LALÍN

DEZA

cedida

19 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A pasada fin de semana pasada, corenta membros do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), con sede en Gondomar, cos directivos Xulián Maure Rivas e Pablo Casal Núñez á fronte, participaron nas III Xeiras polas Terras de Deza,  nas que tivemos o pracer de

facer de cicerone e acompañar aos prezados visitantes nos percorridos das dúas xornadas,  que nesta ocasión  tiveron por escenario as serras do Candán e do Faro.

A xornada do sábado, decorreu de mañá polas parroquias de Vilatuxe e Zobra, onde acompañamos aos  visitantes para ollar a igrexa, a reitoral e o antigo camposanto de Vilatuxe. Logo, en Zobra, tiveron ocasión de ollar as típicas alvarizas, os restos das minas da Trigueira e súa área recreativa, as casas grandes da Trigueira e de Chedas e o lugar de Zobra, onde o amigo e veciño Manuel González Catelino lles mostrou o proceso da elaboración do mel, que tiveron ocasión de desgustar, e un pequeno museo de minerais, apeiros e trebellos que garda na súa casa-obradoiro. 

 Logo de xantar o churrasco na Parrillada A Robleda de Vilatuxe, fomos ata as parroquias de Oleiros, Cortegada e Siador, en terras de Silleda, para ollar os petróglifos de Chan de Petos e Pena Longa, rematando o percorrido no santuario da Saleta, logo de admirar a senlleira sobreira de Pena da Agra. Xa pola noite, paseamos polo centro da vila de Lalín, con aperitivo no Casino e cea no restaurante Modesto, para descansar no Hotel Alda Lalín, que así se chama agora o Villanueva, en cuxo restaurante tamén cearon algúns dos visitantes.

O domingo, o escenario da xeira foi a Serra do Faro. Antes visitamos a igrexa románica de Rodeiro e dende alí ofrecemos uns apuntamentos da historia da capital municipal, cuxas rúas percorremos a continuación. Logo visitamos a parroquia de Riobó, para ollar o peto de ánimas e os escudos que se conservan dun desaparecido pazo, para continuar despois por Carboentes e Asperelo, onde a xentileza do párroco Alvito García Fente nos franqueou as portas, para apreciar con detalle as súas igrexas románicas e logo un par de mámoas, e de camiño outros tantos cruceiros. 

Dende o cumio do Faro, que preside o célebre santuario mariano, ollamos as amplas panorámicas das terras de Camba, Deza e Chantada, que ilustrou con comentarios a nosa colaboradora e veciña de Rodeiro, Ana López Vence, e na baixada parámonos a ver a fermosa igrexa de Requeixo, vinculada ao culto da Virxe do Faro. No Hotel Restaurante Vilaseco, ao pé do Camiño de Inverno a Santiago, demos conta un exquisito cocido e, aínda en terras de Chantada, visitamos a igrexa románica de Bermún, e xa en terras do ourensáns, o célebre mosteiro de Oseira e o museo Olimpio Liste, que logo duns anos pechado volveu abrir para mostrar ao público o seus fondos etnográficos.  

Pola tardiña, os membros do IEM retornaron ás terras do Val Miñor, con moitos apuntamentos e fotos estas xeiras que axiña han servir para unha publicación no boletín da asociación, cuxos directivos xa matinan nunha “IV Xeira polas Terras de Deza” para o ano vindeiro.