Laxeiro, obxectivo cumprido

Román Rodríguez

DEZA

26 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando a Real Academia Galega de Belas Artes tivo a feliz idea de dedicarlle o Día das Artes Galegas 2022 a Laxeiro, co gallo do 25 aniversario do seu pasamento, tivemos claro que debiamos aproveitar a oportunidade para reivindicar a obra deste lalinense xenial como lle corresponde por ser un dos máis grandes creadores do século XX.

Son moitas as actividades que compuxeron o programa que agora vén de rematar e que foron posibles grazas á suma de vontades de moitas persoas e institucións e onde cooperamos o Concello de Lalín e a Xunta de Galicia. De entre todas elas, a exposición Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires, 1950-1970) ocupa xa un lugar imprescindible no labor de divulgación do legado laxeiriano.

Xuntos levamos a súa obra a tan só 800 metros do Arco do Triunfo, no Instituto Cervantes de París, coa implicación da Embaixada de España en Francia e a xenerosidade das entidades e particulares que cederon as pezas das súas coleccións. Un fito co que remataba un percorrido con tres etapas previas: a primeira, como non podía ser doutro xeito, no seu Lalín natal; despois, na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando en Madrid, no corazón de España, onde Laxeiro se formou, e finalmente na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. En conxunto, posibilitou que milleiros de persoas se achegaran ata el.

Moito máis

E houbo moito máis. Pois de Laxeiro falamos tamén nun intempestiva noite de choiva en Vilagarcía de Arousa, entre amigos en Ourense ou cada vez que Quintana Martelo abriu á cidadanía a sede da Academia na Coruña para compartir novas visións arredor do pintor de Botos.

Foi un artista local e á vez universal que nunca perdeu as súas raíces e que exemplifica á perfección o carácter da cultura galega, integradora e aberta. Esa foi a súa riqueza e tamén a das homenaxes que lle rendemos nestes meses. Obxectivo cumprido, Laxeiro. Situámoste no posto que mereces.

Grazas a todos os que o fixeron posible.