Ano Laxeiro, reflexión a modo de balance

javier pérez buján VIGO

DEZA

M.MORALEJO

Un ano intenso en número de actividades no que faltou maior coordinación institucional

26 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O vindeiro 1 de abril remata o Ano Laxeiro, propiciado polo cordo da Real Academia Galega de Belas Artes de dedicar ao pintor o Día das Artes 2022. Non foron poucas as iniciativas levadas a cabo por institucións como a propia Real Academia Galega de Belas Artes, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, o Concello de Vigo, o concello de Lalín, o Consello da Cultura Galega, diversos centros educativos, e tamén diversas asociacións culturais e, por suposto, tamén a Fundación que leva o seu nome.

É evidente que unha actividade tan intensa está a ter consecuencias positivas na difusión da súa figura e a súa obra, polo menos, en Galicia.

Exposicións

No ámbito expositivo, a Xunta de Galicia produciu a exposición itinerante titulada Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires,1950-1970). Comisariada por Carlos L. Bernárdez, a exposición repasaba o período arxentino do pintor e itinerou por Lalín (Museo Ramón María Aller), Madrid (Real Academia de Bellas Artes de San Fernando), Compostela (Museo Centro

Gaiás) e París (Instituto Cervantes). A Real Academia Galega de Belas Artes presentou a exposición titulada Acción Laxeiro, un proxecto comisariado por Xurxo Lobato que, producido pola Xunta de Galicia, itinerou por diversos concellos galegos.

A propia Fundación Laxeiro, co mesmo orzamento precario do ano anterior, co que apenas cobre os gastos fixos, dedicou ao pintor toda a súa programación

de actividades, que se materializou en catro exposicións temporais, as habituais actividades didácticas e visitas guiadas á Colección permanente e a catalogación de obra. As exposicións temporais concretáronse en dous proxectos de produción propia que, co título xenérico Laxeiro descoñecido, amosaron obra inédita do pintor (Obras inéditas de primeira época e Obras inéditas de segunda época). Tamén programou a exposición titulada Un poema para Laxeiro. Barreiro / Pulido, unha homenaxe a Laxeiro en forma de exposición, comisariada por Xosé Antón Castro. A Fundación Laxeiro rematou a súa programación do Ano Laxeiro coa xa citada exposición titulada Acción Laxeiro, que se pode ver na súa sede en Vigo, ata o 2 de abril.

Hai poucas semanas, coincidindo co aniversario do nacemento do pintor, o museo MARCO de Vigo inaugurou a exposición titulada Laxeiro e a arte da súa época, un ambicioso proxecto no que o comisario e director do museo, Miguel Fernández Cid, convida ao público a gozar da obra do noso artista, ben representada en toda a súa traxectoria, e tamén propón un diálogo co traballo doutros artistas, seguindo unha liña de posta en contexto da obra do pintor de Lalín, sobre a que temos escrito e relatado ao longo dos anos dende a Fundación Laxeiro. Esta exposición está apoiada polo Concello de Vigo que dotou ao museo dunha partida orzamentaria específica para levala a cabo.

Divulgación

Máis alá do ámbito expositivo, é de destacar a publicación do libro, asinado por Carlos Valle, titulado

Laxeiro, outros ollos, nova mirada

, publicado pola Real Academia Galega de Belas Artes, que será distribuído nos centros educativos de Galicia, co apoio da Xunta. Neste contexto, temos que dicir que o colectivo educativo se sumou tamén á celebración, organizando numerosas actividades en torno á figura e á obra do noso pintor, ao longo do curso escolar.

A Deputación de Pontevedra apoiou tamén o Ano Laxeiro organizando roteiros nos concellos de Lalín, Pontevedra e Vigo, e está a piques de publicar un libro que recolle eses lugares vinculados ao artista nas tres cidades.

No ámbito da reflexión e a divulgación, o CGAC, en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes, organizou un simposio que, polo seu formato, foi máis unha xornada, na que participaron Carlos L. Bernárdez e Carlos Valle. O Consello da Cultura Galega, dentro do seu ciclo titulado A nosa arte, dedicou unha xornada a Laxeiro, na que fomos convidados como relatores Cecilia Doporto, Antón Castro e eu mesmo. Tamén o tecido asociativo organizou charlas e conferencias, como o Ateneo Atlántico de Vigo, o Ateneo de Santiago e a Asociación O Galo, tamén de Santiago, ás que me convidaron a falar sobre o noso artista en diferentes ocasións, nas que propuxen unha viaxe ao longo da arte do século XX, da man da obra de Laxeiro, dialogando con numerosos artistas do ámbito internacional.

Debemos destacar o documental titulado Laxeiro, sempre Laxeiro, dirixido por Emilio J. Fernández e presentado en Lalín o 11 de xuño, unha interesante peza audiovisual que fai un repaso pola traxectoria do pintor, con extractos de entrevistas ao propio artista e a diferentes personaxes vinculados con el.

Estreouse tamén unha obra musical para banda de música, composta por José Luis Represas, titulada Pintor Laxeiro, que foi interpretada pola Banda Municipal de Lalín no acto de apertura do Ano Laxeiro. A compañía viguesa

Títeres natúacasa produciu a obra titulada Unha noite con Laxeiro, que se representou en diversos lugares de Galicia.

Ir máis alá de Galicia

Malia que, como acabamos de ver, o Ano Laxeiro foi intenso en número de actividades apoiadas por diferentes estamentos galegos, botamos en falta unha maior coordinación entre institucións que tería posibilitado unha planificación real, coa que levar adiante unha estratexia encamiñada a provocar un salto cualitativo no coñecemento e o prestixio do legado do pintor máis alá de Galicia, en vez de quedar nunha suma inconexa de actividades máis ou menos interesantes, cuxa relevancia cultural está máis próxima á idea de evento que á idea de proxecto. O depósito da obra senlleira de Laxeiro, titulada Trasmundo, no Museo Reina Sofía, cedida pola Fundación Laxeiro ata decembro de 2023, ben podería ter sido un bo punto de partida para artellar un proxecto conxunto máis pausado e rigoroso.

Competencia versus colaboración

Un ano dedicado a un artista fundamental para a nosa cultura como é Laxeiro, que goza dun consenso unánime en canto ao seu interese e calidade e que conta ademais, cunha fundación que vela polo seu legado dende hai 23 anos, poderíase ter deseñado con máis altura de miras, o que non implica un maior investimento, senón unha mellor planificación coa que abordar un obxectivo común entre todas as institucións que se sumaron a esta celebración.

A Fundación Laxeiro foi parte activa no acordo da Real Academia, promovendo a candidatura de Laxeiro entre unha cincuentena de axentes culturais e artísticos galegos e de fóra de Galicia que se sumaron á nosa proposta. O noso obxectivo era o de unir esforzos para levar adiante un proxecto consensuado, encamiñado a difundir o traballo e a figura de Laxeiro en Galicia, por suposto, mais, sobre todo, no exterior; unha materia pendente para a que compre contar con cualificación, tempo e financiamento.

Lamentablemente vivimos nunha época na que é moi difícil establecer vías de colaboración institucional en torno a unha finalidade común, o que provocou que a idea de colaboración fora substituída pola de competencia, e deu como resultado a realización de proxectos inconexos. Este escenario obrigou á Fundación Laxeiro a manter un perfil baixo, en vez de liderar, xunto á Real Academia e co apoio das institucións, ese proxecto común que finalmente non se produciu. Nesa situación, a Fundación Laxeiro viuse obrigada a acometer os seus proxectos de forma unilateral, contando co mesmo financiamento que no ano anterior, do que o Concello de Vigo aportou un 61%, a Xunta de Galicia un 10%, a Deputación de Pontevedra un 8%, os Amigos e Amigas da Fundación Laxeiro un 3% e as vendas de produtos e servizos, supuxeron un 18%. Como é habitual, case a totalidade destas achegas foi destinada a sufragar gastos fixos, o que nos obrigou a deseñar unha programación de actividades que apenas xerara gastos variables.

Por outra banda, a colaboración da Fundación Laxeiro foi demandada en case todos os proxectos levados a cabo, debido a que é nesta institución onde se atopa a maior documentación e coñecemento sobre o pintor homenaxeado, como documentación gráfica, máis de 4.000 obras catalogadas, bibliografía, escritos, e un coñecemento profundo sobre diferentes aspectos da vida e a obra do noso artista.

Este minifundismo institucional e, como consecuencia, tamén cultural, denota unha idea ornamental da cultura, insólita no contexto europeo, en detrimento dunha idea substancial, a partir da que construírnos e proxectarnos no mundo. Como consecuencia, moitas das iniciativas culturais non resisten o paso do tempo, porque a súa propia natureza as condena a perecer, unha vez rematado o evento no que exercían a súa función ornamental. Por iso, nun contexto cultural tan volátil, as organizacións que velan polo legado dun artista son tan necesarias.