As bestas, un patrimonio a conservar

Míchel Touriño

DEZA

20 ene 2023 . Actualizado a las 21:51 h.

Puidera parecer que admiramos e protexemos ás bestas e cabalos salvaxes que habitan Galicia dende milenios ,máis o censo di todo o contrario. Imos camiño da extinción dos cabalos salvaxes galegos, unha raza única en Europa. Corren tempos difíciles para a vida e a supervivencia das bestas do monte. Enfróntanse a múltiples adversidades que os empurran inexorablemente cara o exterminio. Deberíamos estar, como sociedade do século XXI concienciados co conservación do medio ambiente, preocupados polo cambio climático e poñer en valor a flora e fauna. Un patrimonio a conservar ante a depredación das industrias e grandes empresas enerxéticas.

O principal inimigo é o goberno da Xunta de Galicia, apostando polas enerxías renovables, sen importar o custe medio ambiental, permitindo instalacións que porán en perigo a supervivencia das greas de cabalos salvaxes , fomentando a súa desaparición máis que as súa conservación, deixando o hábitat, onde as bestas campan, en mans das empresas que o explotan. Mentres Asturias, Cantabria, Euskadi e o resto de países de Europa protexen as súas manadas de bestas salvaxes polo gran papel que xogan nos ecosistemas, control de incendios e fauna singular en liberdade, aquí na Galicia están esquecidos e condenados a extinción. A mesma Xunta imponlle trabas que dificultan a supervivencia, obrigando a identificalos con caros microchips, como se fosen parte dunha explotación gandeira en vez de velos como animais ceibes que deberían contar con protección.

Outro inimigo que impide que o 80 % das crías cheguen a adultas é o lobo, depredador natural que campa sen control por parte da Xunta, a mesma que os soltou para reintegralos no medio ambiente. Outro inimigo máis son os cuatreros que secuestran, sen piedade manadas de cabalos salvaxes para sacarlle proveito económico na venda de carne ilegal. As investigación levadas a cabo, de momento, sen éxito ningún. Outro inimigo son individuos que toman a xustiza pola man, e disparan a matar aos cabalos que, coa única intención de sobrevivir, causaron algún mal nas súas colleitas. Outro inimigo é o éxodo rural que leva aos mozos lonxe da súa terra, impedindo que visiten e coiden das bestas do monte. O último inimigo, pero o máis importante e a indiferenza, esa coa que vemos que o malo so lle pasa aos demais, esa coa que as nosas institucións, concellos, Xunta e goberno do Estado, se apartan daquel que non produce beneficios económicos.

Estamos vencellados aos cabalos salvaxes dende milenios e agora traizoámolos, depreciando a súa vida, menosprezándoos e empurrándoos á extinción. Axudaron aos galegos a prosperar, traballaron as súas terras, carretaron os seus bens, aportaron alimento, crinas, favoreceron o transporte, axudaron a conquistar novos mundos e agora esquecémonos da súa importancia sen sequera avergoñarnos. Esta nova dunha besta recuperada tras un tiroteo nunha aldea veciña, pode ser a primeira luz de esperanza para concienciar sobre a conservación e a posta en valor dos cabalos nos montes de Galicia como levan facendo dende fai 2.000 anos. Gustaríame mandar unha mensaxe de esperanza, dun futuro de vida e paz para as greas salvaxes. Sei que hai asociacións, ecoloxistas e xente do mundo da ciencia e da cultura que loitan pola conservación deste belos animais, mais é preciso unha sociedade galega concienciada e crítica.