Homenaxe a Gonzalo Navaza

Daniel González Alén LALÍN / LA VOZ

DEZA

Daniel González Alén

O académico lalinense impartiu nun faladoiro no que o Instututo de Estudos Miñoráns lle tributou un recoñocemento

08 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A pasada fin de semana o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) programou un faladoiro con Gonzalo Navaza Blanco, socio deste colectivo con sede social en Gondomar, municipio no que o lalinense reside dende hai varias décadas, participando na intensa actividade cultural do Val Miñor. O noso amigo, académico de número da RAG dende o día 5 de novembro no que leu o seu discurso de ingreso dedicado á toponimia de Deza, compartiu co publico que abarrotaba a a Aula de Cultura da sede do IEM en Ponte de Rosas, para falar da toponimia do Val de Miñor e dos seus últimos traballos neste eido e os proxectos nos que está a traballar.

No relatorio tamén se tratou da historia de España, de Galicia, do Camiño de Santiago e non faltaron referencias á toponimia de Deza, iniciándose ao remate un animado debate con preguntas dos presentes que motivou que o acto superara as dúas horas e media de duración.

Posteriormente, no coñecido Pazo da Escola ou de Mendoza e logo dunha cea de homenaxe, entregóuselle a Gonzalo Navaza unha placa recoñecendo o seus méritos e o recente nomeamento como académico, así como o seu labor nestas terras do Val Miñor.

A familia Navaza en Deza

O acto que tivo ao profesor Navaza como protagonista, serviu tamén para renderlle pública homenaxe como novo académico, encomendándonos a nós, en calidade de Cronista Oficial de Lalín e amigo persoal do homenaxeado, a presentación cun limiar titulado A familia Navaza Blanco en Lalín e Vila de Cruces. Unha exposición que ilustramos con algunhas fotografías desta benquerida familia lalinense, que dende principios do século pasado deixou a súa pegada na vida económica, social e cultural nestas terras de Deza.

Tivemos mencións especiais para os devanceiros desta familia numerosa que tivo como proxenitores ao comerciante Perfecto Navaza Soto -nativo de Toiriz en Vila de Cruces, que acadou prestixio como comerciante de ultramarinos e confeitaría, malia falecer prematuramente no ano 1956 aos 49 anos de idade- e a mestra Julia Blanco Iglesias, de Palmou en Lalín, que exerceu en Gresande cando ao mestre represaliado Tomás Peiteado, para despois ensinar en Moneixas e Lalín, onde exerceu varias décadas á fronte da primeira escola de párvulos, vila na que faleceu no ano 1970.

Na nosa intervención fixemos mención dos doce fillos que tivo o matrimonio: Chicho -amigo persoal e testamenteiro do célebre xeólogo holandés Hilgen, que continuaría co negocio comercial da familia-; Félix -mariño mercante e funcionario da USC-; Luís -laureado presidente do Colexio de Economistas de Vigo-; Xabier -xornalista e recoñecido escritor-; as irmáns Julia, Martina, Teresa, Isabel e María Victoria -mestras todas elas, continuando a tradición familiar-; Paz -monxa Dorotea-; Julia María -que finou de xeito prematuro-; e, obviamente, tamén do homenaxeado Gonzalo Navaza, cuxa ampla biografía era dabondo coñecida polos presentes, moitos deles amigos e compañeiros que non quixeron perder esta ocasión para felicitalo.