«Canuto Berea foi un Amancio Ortega do século XIX pero con tendas de música»

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

Hoxe presenta na Coruña un libro sobre esta saga familiar herculina que tanta importancia tivo no eido musical

27 oct 2022 . Actualizado a las 13:40 h.

Nilo Jesús García Armas (Maracaibo, 1981), vinculado a Agolada, presenta hoxe ás 19.00 horas na sala Manuel López da biblioteca da Deputación da Coruña o seu libro La saga Berea en la ciudad herculina. Un acto no que estará acompañado polo deputado de Cultura, Xurxo Couto.

—Como xurdiu o proxecto?

—Levo uns anos. Eu xa fixera un máster de investigación no 2017-2018. Fixen o doutorado despois de deixar a dirección da Banda de Agolada. Rematei a teses e a presentei no mes de xuño. O libro é unha pequena parte de esa teses, organizado e reestruturado doutra maneira. A tese son 1.400 páxinas e o libro unhas 260.

—Aproveitou ese traballo de investigación.

—Si, xa levo moitos anos recuperando partituras antigas, instrumentándoas, incluso antes deses anos. Todo isto ben porque na Coruña houbo unha tenda de música dende 1840 e algo ata 1985 que estivo aberta na rúa Real da familia Berea. Un deles, o do medio, Canuto Berea chegou a ser alcalde e unha veciña de Lalín, Lorena López Covas, xa fixera a súa teses sobre o comercio musical desta tenda no período concreto de Berea Rodríguez que foi o segundo desta xeración. Eu ampliei un pouco. Na teses centreime nas obras galegas que se conservaron ata o día de hoxe porque todos eses fondos os mercou a Deputación da Coruña e están na biblioteca. Na teses se analizan esas partituras e fixen ademais unha biografía de máis de 70 compositores galegos. Dalgúns había moita literatura pero de moitos deles non había nada. Contactei con netos, familiares... fun buscando, buscando e contactando. Foi como ir atopando unha agulla nun palleiro. O libro, en cambio, céntrase unicamente na saga Berea.

—A familia tivo un papel importante durante moito tempo na música?

—Si. Canuto Berea foi un Amancio Ortega do século XIX pero con tendas de música e montou un imperio. Vendía todos os instrumentos e tiña sucursais en Santiago, en Vigo, en Ferrol. Cando se montaron as bandas el era o que vendía todos os instrumentos. Os Berea tiveron dous xemelgos: Manuel e Nicasio e o fillo derradeiro da saga: Canuto Berea Rodrigo foi concertista de piano.

—O libro onde se pode atopar?

—É gratuíto e se pode pedir a través da Deputación. Nas premisas e o que quería e tamén para Deputación era que se difundise. Foi a Deputación da Coruña o que o editou e está tamén dispoñible na súa biblioteca.

—En que anda agora?

—Dirixo a Banda de Oleiros, sigo dando clases de clarinete no Conservatorio da Coruña, onde tamén dirixo a banda, e sigo con publicacións en congresos, revistas e dedicado aos fillos, que tamén esixen o seu tempo. Son dous mellizos: Roque e Olivia, que teñen tres anos e medio e non nos aburrimos.

—Segue indo moito pola Agolada?

—Menos do que me gustaría. Vamos a ver aos avós, pero sigo tendo contacto coa xente. E moito cariño coas familias e os músicos e que gardarei sempre no recordo.

—Segue a tocar coa Banda de Agolada?

—Este ano fun a tocar nas festas de Borraxeiros e sempre que me chamen alí estarei. Aquí na Coruña sempre me coñeceron como Nilo da Agolada e para min sempre foi un orgullo. En Lalín tamén estiven tocando o clarinete no Xacobeo Clarinet Fest, invitoume Xocas Meijide.