Xa indo de camiño á primavera dos calendarios, cando xa nela estamos a tempo de natureza, pois velaí as mimosas floridas e vizosas, xaora como tiran a murchas, é por estas terras e para toda Galiza que celebramos a manda de setenta e cinco universos feitos anos na vida e obra de Xosé Vázquez Pintor.
Velaí o escritor poeta, tan amoroso do teatro, acendendo luces limpas que irmandadas nos axudan facer camiño para contidos que mellor nos definan. Neste venres na Golada, con el e María, súa dona, serán os declaros de moitos vivires e desexos feitos palabras quen lle manifesten a música e letra a lealdade e os afectos, ao noso escritor Vázquez Pintor, el de Quián e Cangas, de terra a mar e de mar a terra.
Unha páxina máis feita libro para el. Un texto compartido (de setenta e cinco) escrito na palabra dita, mesmo cantada, tal manifesto emocional, certo e amical, para o noso Pepiño de Quián, el soñador de tanto, para facer máis, na nosa lingua e na nosa literatura sempre disposta para as lectoras e os lectores e que estas e mais estes tivesen o criterio de estimala, que é dicir, escoitala e lela para disfrutala.
A forza das súas creacións nótanse na comprensión da súa obra, que resulta moi diversa. Obra na intención limpa de botar unha man e cualidade na construción desta terra. E así hoxe venres en territorio común, con María e Pintor, comungamos coas intensidades das nosas vidas, desde a paisaxe compartida do Faro e tamén do Farelo, para declarar un grande poema amoroso á exemplaridade deles dous.
Tamén a Vázquez Pintor en especial facerlle notar as aprendizaxes que atesouramos das súas orientacións e actitudes sacadas das súa obra.