«Podemos mellorar a imaxe de todas as nosas aldeas»

amelia ferreiroa LALÍN

DEZA

cedida

A Oficina Municipal de Vivenda informa das axudas do 70 % para correxir impactos paisaxísticos, cun límite de 3.000 euros

27 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Instituto de Estudos do Territorio mantén aberto o prazo para pedir axudas encamiñadas a correxir impactos paisaxísticos, de conformidade cos valores recollidos no Catálogo da Paisaxe de Galicia. A veciñanza lalinense pode informarse na Oficina Municipal de Vivenda, que está adscrita á Concellería de Urbanismo e Vivenda.

-O obxectivo é mellorar o aspecto das parroquias?

-Podemos mellorar a imaxe de todas as nosas aldeas, e para iso é importante que se coñezan estas axudas. As paredes medianeiras vistas, fachadas que están rematadas en ladrillo ou bloque de formigón sen revestir, os acabamentos exteriores das fachadas de edificacións, cubertas con pranchas de fibrocemento, peches de predios e muros de cerramento poden ser obxecto de subvencións para adecualos ao Catálogo da Paisaxe de Galicia. Xa que o Xacobeo contribúe ao embelecemento dos núcleos polos que discorre o Camiño, intentemos que o resto de zonas estean en perfecta consonancia.

-Cando remata o prazo para presentar as solicitudes?

-O importe da subvención é do 70 % do orzamento de investimento, cun límite máximo de 3.000 euros, e pódese pedir ata o 31 de maio aínda que a data máxima para executar o proxecto e presentar a documentación que xustifique o investimento será o 15 de outubro. Poden optar ás axudas as persoas que sexan titulares dun ben inmoble ou as comunidades de propietarios.

-Os trámites burocráticos condicionan en moitas ocasións peticións de subvencións.

-Na oficina estanse atendendo entre 15 e 20 solicitudes por subvención, e neste caso os requisitos non son moitos. É preciso acreditar que os terreos son de titularidade propia, e na fase de solicitude só se necesita unha declaración responsable e non se precisaría unha licenza ata que se resolva a petición de axuda. Animamos aos veciños que poidan estar interesados a que se poñan en contacto coa oficina onde se lles dará resposta a todas as súas inquietudes, aos casos particulares de cada un, e doutras axudas abertas á vivenda.