Manuel Cabaleiro, fillo pintor do Cereixo

Manuel Estévez

DEZA

cedida

14 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Oficiante de «queimadas» no barrio de Coia, naquela tertulia tabernaria na Rúa Quintela, onde ollamos os primeiros cadros do que fora alumno de San Luis, personaxe popular e querido polos vigueses, ataviado de capa e pipa, que atrapara nas teas, rúas e recovecos da cidade, ante a presenza dos peatóns.

No Casco Vello, seu berce, tiña estudio, atelier onde recibira noutros días, Manuel Cabaleiro, clases de pintura. En meses aínda recentes, achei a Manolo, preto do Bar Roucos, templo culinario e cultura, na rúa Santa Marta en Vigo para logo camiñar a carón do antigo Asilo, caserón a expectativa nese intre para a demolición, preto do emblemático olivo no paseo de Alfonso.

«Vou ata os Salesianos, porque alí dín Misa en galego, unha herdanza do padre Seixas, do que fun e sigo sendo amigo, a pesar que xa non está na terra. Antes de ser pintor artístico, exercín de brocha gorda e nunha ocasión facendo o propio nunha das paredes do Colexio dos Salesianos de Teis, pillóume entonando cancións da nosa fala, resultándolle curioso esas voces en galego nun rapaz novo. Fixémonos amigos desde aquela ata hoxe, levoo aquí sinalando o corazón.

-Casoume, bautizou os meus fillos e díxome algo que sigo cumprindo.

-¿Pódese saber?

-Para arrepentirte dos pecados, non tes que confesarte.

Chegando a Rúa Marques de Valladares, despedímonos para que fose cumprir o seu desexo, oír misa na fala de Castelao.

Lembreime, que fora naquel entorno, onde lle organizara unha das primeiras exposicións, así como das xuntanzas noutros días con creadores galegos, Eva Carrera, Secundino Diz, Xavier Lemos, entre outros que xa non están, Ánxel Lemos, Carlos Fernández, Paco Lareo, ou tallista redondelán, Sesé Fernández. De cando en vez aparecían, aqueles dous, Eliseo Alonso e Mario Rodríguez, escritor e pintor inseparables, de Goián e Figueiró, en terras de O Baixo Miño, agora na morada de Deus, a mesma que chegou Rafael Amor, trobador que deixara momentos inesquecibles no Rincón dos Artistas, local de Daniel Calá, onde xurdían os faladoiros, local que xa non existe, despois de pasar por varias zonas da cidade, onde se chegou a publicar unha revista do mesmo nome, testemuña dos acontecementos.

Sexa como for, alí xurdiron os primeiros encontros con Manolo Cabaleiro, continuarían despois en Morgadáns por terras do Val Miñor ou en convivencia con pintores luso-galaicos, na outra beira do Miño, Casa da Anta en Lanhelas, sen esquecer espazos como o Castelo de Soutomaior, forte onde chegamos xuntos para colgar as paisaxes saídos da súa paleta cromática. En días recentes, estaba preparándose para unha deslocación a San Xurxo do Cereixo, en terras estradenses, onde fora bautizado, máis os tempos de pandemia nestes momentos impiden ir dun lado a outro.

Na igrexa, está representada a Virxe das Angustias e o patrón, mais tamén San Xoán e María Magdalena, obras cedidas a freguesía, tras un convenio asinado polo Concello da Estrada e seguirán para sempre no templo parroquial, onde chegou a este mundo o fillo pintor, Manuel Cabaleiro.