Bambú, octeto de cordas estable, lanza disco con crowdfunding

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Jaime Massieu Marcos

O silledense Millán Abeledo é membro fundador do grupo

13 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A pesar de ser meses difíciles para moitos sectores por mor da pandemia algúns decidiron capear o temporal e lanzarse a proxectos de calado. É o caso de Bambú Ensemble, o primeiro octeto de cordas estable e profesional de España e probablemente de Europa, no que oito músicos xoves e amigos; entre eles o silledense Millán Abeledo violoncellista na Real Filharmonía de Galicia, decidiron lanzar o seu primeiro traballo discográfico. «Tiñamos claro que a situación sanitaria non nos podía parar e que para nós un ano perdido é moito. Decidimos plantarlle cara a unha tempada baleira de concertos e apostar por unha grabación que é exclusiva», sentencia Millán. Con esa premisa de aproveitar ao máximo o tempo os membros de Bambú, que residen en Santiago, Bilbao, Barcelona, Alacante, Berlín e Suiza, «e que nos xuntamos unha vez ao ano para tocar», materializaron o seu prezado proxecto: o seu primeiro traballo coa discográfica IBS Classical, «para que quede algo útil para nós pero tamén para o futuro».

Certo que a pandemia trastornou un chisco o desenvolvemento do proxecto, «o noso grupo, como outros moitos, pasamos unha tempada sen concertos e non puidemos sufragar os gastos dunha grabación coma a que fixemos».

Un primeiro traballo de Bambú Ensemble, que pretende estar na rúa no próximo abril e no que se poderá gozar «dun repertorio complexo e rico que case ninguén se atreveu a tocar nin a gravar». Pero para elo faise preciso financiación de aí a posta en marcha dunha campaña de crowdfunding ou micromecenazgo a través da plataforma Verkami na que cada persoa pode escoller a cantidade que desexe, e facer o pago de xeito seguro, dende 10 euros ata o que queira. «Haberá recompensas para cada un dos que participe na campaña de micromecenazgo en función da categoría que establecemos».