A Cacharela embelece os seus balcóns e xanelas polo Nadal

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

E CUIÑA

O concurso púxoo en marcha Alola e a Asociación de Veciños

01 ene 2021 . Actualizado a las 20:36 h.

Incentivar un pouco máis o espíritu navideño entre os veciños do barrio lalinense da Cacharela motivou a posta en marcha do primeiro Concurso de Decoración de Balcóns no Nadal. Detrás da iniciativa están os donos da Taberna Alola, que contan coa colaboración da Asociación de Veciños da Cacharela, que se mostran moi ledos da acollida que está tendo entre a veciñanza a idea; «mesmo algún de fóra do barrio nos preguntou se podía participar, cuestión que de momento non é posible pero xa se estudará nun futuro. Non se descarta pero non é fácil xestionar todo isto», comenta sorrindo Cris López de Alola.

O que está claro é que aos veciños da Cacharela non houbo que insistirlles, e máis dunha vintena xa se puxeron mans á obra e embeleceron balcóns e xanelas. «Aquí hai un sentemento de barrio excepcional, os veciños enténdense todos moi ben á hora de participar nalgunha iniciativa», dixo. Só hai que pensar nas multitudinarias celebracións do San Xoán ou dos sonados Antroidos no que a figura dos Cacharelos son parte fundamental do festexo. Precisamente para non perder de vista esa figura do mítico Cacharelo do barrio, mesmo a algún veciño se lle ocorreu poñelo detrás da xanela empapado de espírito de Nadal. Colorido, figuras e luces que se poden contemplar nos balcóns, que se acenden cada noite, e que buscan gañar un concurso de decoración que se pretende manter no tempo e no que están participando xente de todas as idades; «dende os 20 aos 70 anos ou máis».

O premio para o mellor traballo decorativo será unha cea para catro persoas no Alola; «e se hai restricións e non se pode cear na taberna o gañador levaraa para a súa casa. O premio por suposto que se entregará dun xeito ou outro», sentencia Cris López. Antes hai que buscar o maior número posible de «me gusta» nas fotos de balcóns e xanelas que entren a concurso. «Ata o 4 de xaneiro poden anotarse todos os veciños da Cacharela que o desexen. Teñen que colgar unha foto do seu balcón ou xanela no noso Facebook de Alola e gañará a cea o que teña máis votos», explicaba desta singular iniciativa.