«Os xogos tradicionais en seis países son o fío condutor deste proxecto»

A situación sanitaria obriga a facer o traballo de xeito virtual, á espera de poder viaxar


lalín / la voz


A profesora de Plástica do IES Laxeiro de Lalín, Mar García Rodríguez afánase na posta a punto dos últimos detalles do proxecto de intercambio escolar Erasmus+ KA 229 que coordina, e que aglutina a seis centros educativos doutros tantos países; e entre os que figura o instituto lalinense, e no que está sendo preciso realizar pequenos axustes pola situación sanitaria que nos afecta.

-É a primeira vez que o IES Laxeiro está nun proxecto destas características?

-Non. Houbo outro anterior pero eramos somos, e neste caso levamos a coordinación. É un pouco máis complicado.

-Que tipo de proxecto levarán a cabo?

-O proxecto chámase «21 st Century Skills through Traditional Outdoor Games», é dicir «Destrezas para o século XXI a través dos xogos tradicionais de exterior». O proxecto presentámolo a compañeira de Turquía e máis eu, e quedou no primeiro posto en Galicia e de oitavo a nivel nacional. Os xogos tradicionais en seis países diferentes son o fío condutor deste proxecto no que traballaremos as catro destrezas fundamentais: creatividade, pensamento crítico, colaboración e comunicación.

-Que centros toman parte neste intercambio escolar?

-De Polonia está o centro Szkola Podstawowa nr 6 im. Jana Kochanowskiego w Zgierzu de Zgierz-Lódz, da localidade Torres Vedras de Portugal contamos co centro Agrupamento de Escolas de Sao Gonçalo. O Instituto Comprensivo Frosinone Quarto de Italia, sito na localidade de Frosinone, é outro dos centros participantes neste intercambio xunto ao 6gymasion Chanion de Grecia, en Chania/Creta, por Turquía participa un colexio de Adana que se chama Sehit Islam Akyüz Ortaokulu e nós, o IES Laxeiro, en representación de España.

-Entendo que esta pandemia trastornou un chisco os plans iniciais?

-Bastante pero esperamos que a situación vaia mellorando e finalmente poidamos levar a cabo os intercambios entre países participantes. Agora mesmo estamos plantexando a celebración de actividades de maneira virtual. Claro que cando deseñamos este proxecto non había este problema sanitario. Foi antes do confinamento, e estaba programado un seminario das catro destrezas en Turquía co profesorado dos países participantes. De momento ímolo manter, pero online, e intentaremos que se poida repetir in situ cando a situación mellore. A parte na que toca traballar cos alumnos, cos que deberiamos de viaxar no próximo ano 21, tamén imos plantexar unha actividade virtual á espera de poder ir a Polonia, Portugal, Italia, Grecia e Turquía.

-O programa concéntrase nunha única anualidade?

-Non son dúas e mesmo se podería pedir unha prórroga e chegar aos 36 meses de duración.

A nosa esperanza é poder facer precisamente toda a actividade presencial nalgún momento ao contar cun mínimo de dous anos de duración.

-Que as empuxou a alexir os xogos tradicionais como centro de traballo?

-Pensamos que é unha idea moi interesante traballar os xogos tradicionais, que é algo máis físico que nos vai permitir aprender moito doutras culturas pero tamén dos tempos de nosos avós e de nosos pais. Algúns de nós tamén tivemos contacto directo con determinados xogos que aos máis novos non lle soa de nada, pero non temos ao mellor coñecemento algún de determinadas prácticas que se realizaban en Polonia, por poñer un exemplo. Será unha magnífica ocasión para xuntar áreas e fixarse nas catro destrezas fundamentais.

«Esta actividade permitiralles ver que os idiomas que estudan teñen unha utilidade»

Encher de xogos tradicionais os centros é unha das premisas deste proxecto Erasmus+.

-Iso permitirá recuperalos, dalos a coñecer e establecer tamén algunha variante dos mesmos. É unha volta atrás, ao pasado, ver a que se xogaba antes nos recreos e que comprobemos que son divertidos e que se pasa ben xogando, por exemplo, á mariola e que é unha actividade na que se comparte.

-Pouco que ver cos recreos actuais en calquera escola ou instituto.

-Nada (rie). Aquí saen ao recreo e arrímanse co bocata á parede, na outra man o teléfono... e nada máis. Que conste que fixeramos unha actividade no centro con xogos tradicionais e os alumnos pasáronno moi ben. Creo que fora unha experiencia positiva que imos intentar recuperar.

-Pero algúns dirán que iso non se leva.

-Claro e teñen medo ao ridículo, pero unha vez proban e xogan xa está. Mesmo é unha maneira de romper o xeo á hora de establecer comunicación, de cotexar os nomes dos xogos en función do país do que falemos, das regras que hai en cada un deles, e dos que non nos son comúns.

-A segunda pata dun intercambio é o idioma.

-Así é. Neste caso, esta actividade permitiralles ver que os idiomas que estudan teñen unha utilidade e que non son só algo que escoitan na clase. Os rapaces participarán en acollementos familiares que redundará nesa mellora do idioma e en crear lazos de amizade. Os intercambios, e no Laxeiro hai moita experiencia nesa eido, fortalecéronse grandes amizades con rapaces de Francia, Italia, Alemaña e Finlandia. Creo que este tipo de proxectos como o Erasmus, que está moi ben artellado, fai que os rapaces vexan o mundo máis cerca e se sentan orgullosos de onde veñen.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Os xogos tradicionais en seis países son o fío condutor deste proxecto»