«Entro en política para traballar»

a. ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

07 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Bióloga de profesión pero vencellada ao sector primario, María Iglesias Cobas, lalinense da parroquia de Vilatuxe, que comezou a súa andaina política nos pasados comicios locais formando parte da lista do PSOE, será agora quen ocupe o sillón que deixou baleiro María Jesús Sánchez, concelleira que deixou a súa acta por motivos persoais.

-¿Que a levou a formar parte da candidatura socialista?

-Unhas ideas e unha forma de pensar, pero tamén o feito de que podería facer algo polo meu concello e pola súa xente.

-¿Imaxinaba ser concelleira?

-Pois non, pero como este ano 2020 está sendo tan sorprendente para todo... No meu caso parece que tamén me tocou.

-¿Como afronta esa chegada á política activa?

-Gustariame tirar pola xente, intentar que fora máis cómodo vivir neste concello, que fose posible vivir ben coa axuda de todos e levantarnos desta crise e deste problema.

-É bióloga pero traballa no sector primario, ¿como está?

-No sector primario e no rural é onde desarrollo as miñas actividades, é onde me toca vivir e onde debemos de apoiarnos e axudar. Non estou tan vencellada ao agro senón ao comercio rural ao ocuparme dunha tenda de aldea que era das tías de meus avós.

-¿Tenda de aldea centenaria?

-Non, pero case. É o ano 29. Imos no camiño do centenario.

-¿Como están funcionando os establecementos de proximidade?

-Temos medo de que lle pase algo aos nosos maiores. Hai moita xente de idade e non queremos que chegue o virus a estas zonas rurais polo que intentamos mantener o menor contacto posible con eles, levámoslles as cousas á casa e coidámolos que é o que se merecen.

-¿Os seus veciños saben que vai ser concelleira?

-Saben. Estou sorprendida pola acollida da nova e tamén moi agradecida polas felicitacións recibidas.

-¿Que espera desta nova etapa?

-Traballo. É o único que hai que facer. Logo tamén pedir, seguirei pedindo que por iso entrei en política. Pedir un parque infantil para Vilatuxe, máis accesos aos colectores, máis atención aos veciños, menos cortes de suministro e que chegue por fin o ADSL.