O gran periplo narrador de Celso

amelia ferreiroa

DEZA

rober amado

Recén chegado de Perú o contador lalinense viaxa agora a Lanzarote, Salamanca, Bilbao e Gran Canaria

23 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Contou en Lima e en Ayacucho, ao carón do mar e nos Andes; dous puntos diferentes de Perú pero cheos de vivenzas. O contador lalinense Celso Fernández Sanmartín acaba de participar no Festival Internacional Déjame que te cuente, e encara un novo desprazamento, que emprende hoxe con destino a Lanzarote para tomar parte noutro festival de narración oral: Palabras al Viento. De Perú, onde contou por primeira vez, veu cunha libretiña chea de vivenzas, «e de aí seguramente algo acabe contando e a Lanzarote vou con moita ilusión, tiña interese en estar alí para ver a obra dun artista plástico que me parece moi interesante aínda que semella que non terei moito tempo para visitas, despois de ver o programa».

Tres días nos que está previsto conte nunha residencia, nun hospital, en colexios, institutos e nunha zona natural. Pero o periplo viaxeiro de Celso non remata aí. Ata o vindeiro 1 de novembro, en que voltará a Lalín, estará en Madrid para seguidamente desprazarse ata Salamanca para participar nunha sesión con Quico Cadaval e Guti, marcharse posteriormente a Bilbao para ofrecer unha lectura de poemas na sala dun teatro e coller rumbo a Gran Canaria para ofrecer outras narracións.