A proba de que se é de Lalín, é único

Olimpio Pelayo Arca Camba
o. p. arca LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

O evento enche un ano máis a carpa da Praza da Igrexa, cunha proposta gastronómica e lúdica de referencia

24 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

En Lalín, a gastronomía e a présa non casan ben. A xente que enche en cada edición as mesas do Lalín con Gusto sabe que paga a pena acudir ata a Praza da Igrexa con acougo, e deixarse seducir de vagar polas exquisiteces que preparan os restauradores locais, nesta ocasión cos lácteos como protagonistas. Por iso non houbo nin unha soa pega para empregar unha hora nun almorzo contundente: café irlandés, un chupiño de cold brew ?café infusionado frío? e un café con leite frío, a cargo de Xan Martínez. Para acompañar, unha callada con froitas dos bosque, e un biscoito de chocolate en doble versión: con xenebra Dry Towers para os maiores, e sen o licor para todos os públicos, feitos por Ana Buján. Luís Veira, con estrela Michelín, tomou o relevo cunha xurela con coliflor. E xa pola tarde, tempo para Alberto González e Diego López, e Álex Iglesias con Diego L. Dapena. A cociña de Lalín con Gusto abre de novo hoxe ás 12.15 horas, e dende as 17 horas haberá taller para os cativos e concerto ás 18.30 horas con Magín Blanco e a Banda das Apertas.

Todo na edición máis ambiciosa dunha cita que pon en valor a calidade dos produtos de Lalín e aos seus restaudores, como sinalou o concelleiro Vilariño, que pechou animando a desfrutar da cita en «Lalín, un interior único». O alcalde, Rafael Cuíña, puxo en valor á nova xeración de hostaleiros e nutricionistas, lembrando que «se é de Lalín, é bo».

A carpa do evento reflicte que é bo sumar. E «Se é de Lalín, é único» podería ser bo resume: xa dixo Vilariño que noutro lugar sería imposible acadar o éxito que ten Lalín con Gusto, que hoxe convida de novo a saborealo. E non é unha expresión figurada.