O Magosto de Az cumpre as súas vodas de prata o día 3

J. r.

DEZA

24 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Como a maioría das grandes proezas da humanidade, o Magosto do Az cociñouse entre bar e bar, concretamente en Adelán. Dous veciños da parroquia, e sobre todo amigos, xurdiron a idea co propósito de xuntar á parroquia. Deza e Rogel comentaron a idea entre os seus, quen dende o primeiro momento se ofreceron para prestarlles axuda no que fixera falta. O seguinte paso sería achar un local. A Casa da Escola do Az, situada na localidade de San Cristovo, foi a elixida.

A primeira edición do Magosto do Az contou cun menú conformado por zorza e churrasco, e por suposto, castañas a fartar. O viño e a queimada tamén estiveron presentes. Esta última preparábase no corredor, un sitio estratéxico que enlazaba a zona do comedor coa do baile, e axudaba a moitos a mover o esqueleto ao compás da Charanga de Muimenta, que durante moitos anos lle puxo ritmo á troula.

Para custear a esmorga, a maioría dos asistentes colaboraban levando a materia prima: uns facíanse cargo da carne, outros das castañas, outros do viño, outros da augardente... e se faltaba algo, ao rematar facían unha recolleita de diñeiro.

Os asistentes foron aumentando paulatinamente e houbo que mudar o sistema, establecendo un prezo por persoa. Este incremento dos participantes tamén se facía latente no habitáculo dedicado a comedor, onde a xente tiña que comer apertada.

Despois de algo máis dunha década do primeiro Magosto do Az, as novas xeracións da parroquia fixéronse cargo da organización do evento, tras crear a Asociación de Veciños de Az. A renovación tamén afectou ao menú, no que se substituíu a zorza e o churrasco por lacón asado, callos e costela enzorzada ao Az con cachelos.

Con respecto ao eido musical tamén se produciu algún cambio: incorporouse un dúo ou trío, pero mantendo sempre a presenza da música tradicional, coa charanga Os Mozos do Farelo e posteriormente da man do grupo de gaitas Os Varacuncas. Ao ritmo destes grandes artistas incorporouse un concurso de baile, con premios para as tres mellores parellas.

As variacións contribuíron a manter o Magosto do Az, e afianzalo como un dos máis relevantes da comarca, no que se xunta a veciñanza e se reforzan os vencellos comunitarios dende hai un cuarto de século. O primeiro sábado de novembro, día 3, celébrase o 25 aniversario desta festa, no que por suposto haberá novidades. A principal será a actuación do monologuista e contacontos de recoñecido prestixio Quico Cadaval, que terá lugar ás 2.15 horas, pero non se descarta algunha sorpresa máis.