Vinte anos non son nada

Manuel Blanco Villar

DEZA

30 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Parece que foi onte, pero acaban de cumprirse vinte anos da fundación do Museo Casa do Patrón, cheos de longos e intensos días de traballo, ilusión, solidaridade e mesmo sacrificio de innumerables persoas que apostaron por esta iniciativa, que xurdiu da nada, como por arte de maxia. Cada vez que contemplo incrédulo a chegada a Codeseda dalgún dos 250 autobuses que nos visitaron este ano que remata, recordo con morriña aquela aldea da miña infancia, chea de lameiros, á que era imposible acceder en coche, poboada por humildes e esforzados labregos cun horizonte sombrío.

Pero un bo día, cando fomos capaces de secar as amargas bágoas que nos empañaban os ollos pola partida dos nosos devanceiros , levantamos a cabeza, con mirada firme cara ó futuro, e todo cambiou: decatámonos de que continuaban con nós, porque nunca se foran: están aquí, ó noso lado, cada vez que empuñamos un arado, moemos o gran nos muíños de regueiro, tecemos nun tear tradicional, cocemos no forno de leña, subimos á aurela do castro, plantamos unha árbore, ? Partindo desta básica pero sólida premisa, acompañada de moito traballo colectivo e espíritu de sacrificio da totalidade dos veciños, contando coa inestimable colaboración de milleiros de galegos humildes e xenerosos, convertimos unha ilusión en realidade: transformar aquela illada e descoñecida aldea no conxunto etnográfico maior de Galicia, visitado por máis de 12.000 persoas ó ano. E mudamos o noso xeito de vida. En Codeseda xa non hai vacas, senón guías turísticos, monitores de tempo libre, artesáns, testemuñas vivas das alternativas do medio rural.