O colectivo silledense non cobrará cotas aos socios neste ano
15 ene 2015 . Actualizado a las 05:06 h.A Asociación de Veciños Olaia de Silleda comezou, coincidindo coa celebración do Día da Patrona, a renovación da súa base de datos. Tarefa que se ven demorando un chisco no tempo polo que a directiva, que preside Rosendo Estévez, ten previsto dárlle unha maior repercusión nos vindeiros días cun buzoneo en edificios e vivendas do casco urbán para axilizar dito trámite. «Os que xa son socios de Olaia pensan que non teñen que cumprimentar o boletín cos seus datos e a renovación da base de datos que pretendemos completar se está ralentizando», sentencia o presidente do colectivo.
Os boletíns que chegarán pois os domicilios dos silledenses deberán de ser cubertos por socios de Olaia e por todos aqueles que queiran formar parte da asociación veciñal. Formularios que deberán de ser entregados, debidamente cumprimentados, a calquer integrante da directiva. «Con ditos boletíns saberemos con exactitude o número de socios que temos, teremos os enderezos dos asociados actualizados e os enderezos electrónicos. O que buscamos é unha mellor comunicación cos socios». O colectivo contaba tres anos atrás con máis de 400 socios. «Agora mesmo van só uns 50 boletíns entregados e queremos pechar a base de datos o antes posible».
Unha base de datos que non servirá para facerlle chegar aos socios o pagamento da cuota; alomenos polo de agora. «Levamos anos sen emitir recibos e a intención non é, de momento, cobrar cuota. Tivemos a sorte de voltar a contar de diñeiro na lotaría de Reis e iso permítenos ir sufragando os gastos da asociación».
A asociación veciñal silledense voltará a facerse cargo das actividades do Antroido Infantil dentro do programa que promoverá o concello. «Axiña comezaremos coa preparación de dita actividade e teremos que ver como nos disfrazamos os da directiva». O colectivo tamén traballa na preparación das vindeiras Camiñadas de Primavera; ás que pretenden dárlle un xiro, e abrilas a moitos máis camiñantes. «Queremos animar a máis xente e abrilas aos de fóra do municipio e da propia comarca. Na última camiñada que fixemos veu un grupo bastante numeroso de Ourense, que quedou moi contento, e xa nos comentou que se quería apuntar ás seguintes saídas que fixésemos. Por iso entendemos que poderían ser unhas camiñadas moito máis participativas e numerosas», manifestó el presidente Rosendo Estévez.