Cooperativas sen finalidades lucrativas amósanse en Lalín

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

A economía solidaria e experiencias reais de produción preséntanse ao longo desta mañá no Casino da localidade

07 nov 2014 . Actualizado a las 05:23 h.

«As cooperativas sen fins lucrativos (SAL). Unha ferramenta para a transformación social» é o título dunhas xornadas que arrancan hoxe en Lalín, e continuarán no día de mañán en Redondela, organizadas dende a Sociedade Cooperativa Galega Cestola na Cachola da capital dezá.

Unhas xornadas que nacen co gallo de dar a coñecer a rede SAL; «trátase da primeira plataforma galega de intercooperación entre cooperativas sen fins lucrativos. Cubrimos campos amplos que abranguen dende a promoción de servizos de educación ambiental, formación no eido da economía social, consultoría...», explica a técnica de Cestola na Cachola Raquel Doallo. Encontro no que o Xefe do Rexistro Central de Cooperativas da Xunta de Galicia, Manuel Pérez Losada, falará da economía solidaria e das cooperativas SAL que existen na comunidade. «Estamos catro cooperativas na rede: Trespés, Tempo de Loaira, Cousas da Terra e nós, Cestola na Cachola, que somos unhas cooperativa cultural centrada na pintura artística, ilustración, muralismo, fomento do consumo responsable a través de moda ética e sostible así como a integración en redes e proxectos de promoción do autoemprego».

Esta actividade, que comezará ás 9.30 horas da mañán e terá continuidade ata as 14 horas, contará cunha ampla mesa de experiencias de cooperativas SAL nas que se dará conta ao público asistente do emprendemento e desenvolvemento de determinadas iniciativas postas en marcha polo territorio español. Así ás xornadas de cooperativas sen fins lucativos, está previsto asista Chus Bóo de Cousas da Terra, unha sociedade cooperativa galega que se adica á comercialización de produtos ecolóxicos e de comercio xusto. Convidada tamén á mesa de experiencias está Esther Muñoz, da cooperativa Elk, cuxo traballo está orientado á produción e ao consumo de produtos lácteos. A última experiencia neste eido de cooperativosmo SAL chegará da man de Paula Sánchez, de Transformando, unha sociedade cooperativa de Madrid que está centrada na orientación sociolaboral e na formación para o emprendemento social.

A Casa da Cultura de Redondela será sede mañán da segunda destas xornadas onde se tratará o cooperativosmo de iniciativa social e as cooperativas sociais que operan en Cataluña. Contarase coa participación do director da sectorial de iniciativa social da Federación de Cooperativas de Traballo de Cataluña.