
A Anpa do Golmar súmase a unha actividade que irrumpe en Galicia
06 sep 2014 . Actualizado a las 08:00 h.Cunha plantación de distintas variedades de plantas ornamentais e con festa rematou onte no Ceip Xesús Golmar de Lalín o campamento de verán de Voltereta, o programa de conciliación posto en marcha dende a anpa do colexio, que se mantén operativo ao longo do ano. «A festa serviu para dar por rematada a tempada estival pero non quere decir que Voltereta peche as portas. Continuamos traballando coma sempre, e agora xa nos estamos volcando no comezo do novo curso. Os nenos de tres anos terán o xa consabido periodo de adaptación e dende Voltereta se atenderán a eses cativos que sexa necesario xa que só estarán no cole unhas cantas horas», manifesta a presidenta da asociación lalinense Elena Buceta.
A anpa ten previsto presentar o vindeiro día 12, ás 20 horas, as actividades ás que poderán acceder os alumnos. Proposta que trae algunha novidade. «Non queriamos introducir máis novidades respecto das actividades extraescolares que se ofertan dende a anpa xa que contamos cunha ampla oferta pero chegou unha que non puidemos rexeitar: a robótica». Trátase dunha rama da tecnoloxía que se adica ao deseño, construción, operación, manufacturación e aplicación dos robots e que a nivel mundial está moi extendida e está acadando unha forte demanda. «En Galicia é o primeiro ano en que se oferta a través da firma Lego e pensamos que é unha opción a ter en conta. Haberá unha demostración para pais e para rapaces e veremos se interese este tipo de actividade ou non. Persoalmente penso que é un bo xeito para aprender ciencia e tecnoloxía». Á marxe desta nova actividade se manterá as opcións presentadas en cursos anteriores e que terán que seren ratificadas polos socios da anpa. «Só se porán en marcha aquelas actividades que conten cun cupo suficiente de alumnos», sentencia Buceta.
Por outra banda o que non mudará un ano máis será a flexibilidade horaria no programa Voltereta. «Os horarios sempre se adaptan ás necesidades dos pais. É a filosofía do programa. Naceu para botar unha man no eido da conciliación laboral e familiar. O servizo comeza no momento en que hai un neno que precisa ser atendido e péchase cando se marcha o último rapaz. A total disponibilidade horaria é o que fai que este programa esté tan solicitado e sexa do agrado dos pais». A anpa lembra que dispón aínda de libros que poden ser solicitados polos proxenitores para este curso. «Do banco de libros sairon os volumes que estaban reservados, xa se entregaron todos, pero contamos aínda algúns exemplares para os que os precisen».