«Na doma a xente só ve un cabalo dando voltas pero é moito máis»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Rober Amado

A xove agolense fará unha exhibición na vindeira Feira do Cabalo de Lalín

01 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Divide o seu tempo entre os seus estudos e a paixón pola hípica, que lle ven da nenez. Isabel Galego Mosquera naceu en Bilbao pero dende os seis anos vive no Concello de Agolada cos seus pais. Na actualidade bota parte da semán en Compostela onde apura as horas na preparación dos exames da selectividade.

-Quero ser veterinaria. É a miña vocación dende moi cativa e estou desexando aprobar a selectividade para matricularme e facer a carreira.

-¿Cando comezou o seu contacto cos cabalos?

-En Bilbao non vía animais e cando viñamos a Galicia, meu tío tiña cabalos e eu sempre estaba pegada a eles. Á miña nai non lle facía moita ilusión xa que ela rompera unha perna montando a cabalo e non lle gustaba que andivera sempre tan pendente deses animais. A onde sempre me levaban era á Feira do Cabalo do Lalín. Penso que non perdín ningunha edición pero o meu interese polos cabalos non cesaba e cando tiña nove ou dez anos, e despois de pedirllo tantas veces aos meus pais, déixaronme ir a Santiago á Hípica Boullón.

-¿Por que Compostela?

-É o que tiña máis preto. En Mouriscade non había por aquel entón club hípico. Desprazábame alí un par de veces ao mes e foi realmente onde aprendín a montar, malia que cheguei con algunhas nocións, pero foi onde puiden ir collendo práctica. Foron tempos que me serviron de moito. Logo, cando en Mouriscade se ergueron as instalacións do club hípico xa me viñen para aquí. E alí estiven un ano montando unha egua que non quería ninguén, pero como non tiña montura propia... A miña gran ilusión era ter un cabalo de meu e despois de pedirllo aos meus pais ata a saciedade chegou Sarai.

-¿Cantos anos leva con ela?

-Levo con ela seis anos. Lémbrome perfectamente a primeira vez que a montei. Foi polo meu cumpreanos e continúo con ela.

-¿A montura está en Mouriscade ou en Agolada?

-A miña egua está no club hípico, en Mouriscade, xa que precisa dunhas instalacións axeitadas das que non dispoñemos persoalmente en Agolada. A egua, cando a mercaron, non viña en boas condicións e foi preciso traballar moito con ela. Moitos non pensaban que chegaría ata onde chegou. Con traballo, cariño e moita adicación se poden conseguir grandes logros.

-Adícase á doma clásica pero, ¿que é exactamente?

-Non é fácil de explicar. De feito na doma clásica moita xente cando vai a unha exhibición só ve un cabalo dando voltas e pensa que é moi doado conseguilo, pero é moito máis. O nome é coñecido pola poboación en xeral pero non a realidade do que aglutina esta modalidade deportiva. Hai que facer exercicios co cabalo en pista como voltas, cara ao muro, espalda adentro... É unha modalidade na que existen distintos niveis segundo a complexidade dos exercicios que acometes co cabalo. Non é unha modalidade fácil de prácticar.

isabel galego mosquera amazona de doma clásica de agolada

«Con traballo, cariño e moita adicación se poden acadar grandes logros»

«Existen distintos niveis segundo a complexidade dos exercicios que acometes»