Pétalos de camelia ao vento dende Lalín

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

rober amado

O político lalinense Román Rodríguez posúe 130 variedades desta planta no lugar de O Vento, nunha ampla propiedade familiar

23 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

reportaxe paixón polas plantas

No Vento o aire cheira a doce. Ao doce dos centos de camelias en flor que esparexan o seu perfume na finca familiar do deputado popular e portavoz do goberno lalinense, Román Rodríguez, na que cultiva a súa afección por estas plantas orixinarias da China e Xapón que na Dinastía Ming eran consideradas «como a flor máis fermosa que hai baixo o ceo».

A afección de Román Rodríguez polo cultivo das camelias hai que buscala vintecinco anos atrás, e froito da casualidade. «Foi en Silleda, nunha edición da Semana Verde de Galicia, en que fun coa miña nai e na que mercamos tres exemplares de camelias». Tres plantas que na actualidade se erguen maxestuosas na entrada á propiedade familiar, malia ao paso dos anos, e que foron o xermolo do que viría despois: máis dun cento de variedades diferentes procedentes de distintos puntos de Galicia e Portugal. «Teño actualmente unhas 130 variedades diferentes, e se falamos de plantas espalladas pola finca poden estar nas duascentas ou un chisco máis. Moitas das variedades que posúo están repetidas e outras son exemplares únicos».

O nexo común de todos os exemplares de camelias é que foron plantadas por Román Rodríguez; logo dun periodo de ensaio e aprendizaxe. «Hai camelias sinxelas que dan sementes e puiden comprobar como, coa caída das mesmas, ían agromando novos fillos que fun coidando, enmacetando e aí comezaron a xurdir as miñas primeiras camelias. Plantas que eu cultivei. Ao longo destes vintecinco anos de aquí puideron saír centos de exemplares que foron a parar a mans de amigos, visitantes e tamén llelas regalei a algún veciño». E consta. Moitos xardíns das casas da contorna locen xardíns con camelias en flor.

Pero o interese de Román polas camelias foi medrando despois daquela primeira compra en Silleda ata o extremo de que nos mercados feirais da zona xa non quedaban máis variedades que aportar ao seu xa gran xardín multicolor. «Aí foi cando ampliei as variedades de camelias indo a Fene e preto de Porto, en Portugal, onde me fixen con distintos exemplares». Adolphe Audusson, Ai-no-izumi, Cidade de Vigo, Elegans Champagne, Tama-no ura, Rosalía de Castro, Clarke Hubby, Angela Cocchi son algunhas das moitas variedades que o lalinense atesoura, coida e mima nos amplos terreos da finca familiar «coa axuda inestimable da miña familia que me bota unha man». Especialmente orgulloso está dalgunha última adquisición: unha camelia rastreira dunha intensa cor vermella e outra negra, que agarda a ver florecer. «Hai tantas variedades que é imposible facerse con todas pero namentras poida continuarei plantando aínda que o meu problema é ter pouco tempo».