«Traballo en Xenebra en comunicación web da IATA»

Rocío Perez Ramos
Rocío ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

CEDIDA

De pai de Rodeiro e nai de Agolada, Patricia Fernández Varela foise para a capital suiza cun contrato internacional

17 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Patricia Fernández Varela estudou Xornalismo na Universidade Complutense de Madrid e un Máster en Estudos Internacionais na Universidade de Santiago de Compostela. Os seus 26 anos esta dezá foise para Xenebra para comezar a súa carreira profesional no mundo da comunicación.

-¿Como atopaches traballo e qué che impulsou a irte?

-Estaba a rematar un posgrao e botando currículos a distintos organismos internacionais, sempre no estranxeiro. Un amigo me dixo entón que botase un ollo as ofertas de prácticas da Asociación Internacional do Transporte Aéreo (IATA, polas súas siglas en inglés), que de cando en cando sacaban cousas para comunicación. Pasei tres entrevistas (vía Skype) e na última dixéronme que me querían en Xenebra para comezar á semana seguinte.

¿Qué fas agora?

-Traballo en comunicación web no departamento de transporte de mercadorías da mesma organización, con un contrato de prácticas.

-¿Que tal os suízos, sobre todo a nivel laboral?

-O curioso con Xenebra é que máis da metade da poboación non é suíza, e escóitase moito inglés na rúa porque está cheo de organismos internacionais. Encontrar a unha persoa nacida na cidade é difícil, pero polo outro lado tes a posibilidade de coñecer a xente vida de todas as partes do mundo.

¿Que diferenzas laborais ves?

-Realmente o que ten Suíza é que os salarios son altos, aínda que a vida tamén o sexa. A taxa de desemprego está aquí arredor do 3?5% e as condicións laborais son boas. A desvantaxe que lle vexo é que non existe a cobertura sanitaria universal e tes que contratar un seguro privado.

-¿Como se vive aí?

-Comparado con España é outro mundo. A vida é moi cara pero se o comparas cós salarios dáste conta de que onde é cara a vida é alá. Pago 850 francos suízos por un cuarto nun piso compartido, pero o salario que me dan con un contrato de prácticas é de 3500 francos suízos, da para vivir. Moita xente cre que Xenebra é unha cidade aburrida. O feito é que realmente a vida aquí é moito máis tranquila. Os domingos, por exemplo, non ves unha persoa na rúa nin unha tenda aberta, ata algúns bares pechan .

-¿Que botas máis de menos?

-Non son moito de botar de menos, pero si que se nota a falta da familia, especialmente. Afortunadamente Suíza está relativamente preto e non é difícil voltar de cando en vez. Hai un vo directo Santiago-Xenebra varias veces á semana. A maior parte dos meus amigos están tamén vivindo no estranxeiro e con eles si que é case imposible reunirse.

-¿Atópaste moitos galegos?

-A verdade é que se escoita moito galego nas rúas, especialmente á xente que emigrou hai décadas e sigue aquí. Encontras bares galegos e ata bares suízos que foron incorporando á carta pratos como o polbo á feira.

-¿Segue a funcionar aquilo de axudarnos os uns os outros e contactar con outros da zona?

-Cando vin para aquí todo o mundo me deu o contacto de familiares ou amigos que viven en Suíza por se sucedía calquera cousa ou necesitaba axuda de alguén. En cambio agora a xente ten redes moito mais amplas que antes, xa non é tanto o de axudarse entre veciños como contactar con amigos da universidade, un curso, unha viaxe, un Erasmus...

-¿Como nos ven os suízos ós galegos de esta nova xeneración de emigrantes?

-A emigración que veu para aquí hai décadas e a que está vindo agora é moi distinta. A primeira veu a ocupar traballos pouco cualificados e que moita xente non quería, mentres que a xente que chega agora ten estudos pero non atopa traballo no seu país. Algúns suízos cren que vimos a quitarlle traballo aos seus universitarios, pero a principal queixa é que baixamos os salarios porque estamos dispostos a traballar por menos diñeiro.

-¿Como ves o teu futuro, quedándote aí ou voltando?

-A resposta é máis difícil do que parece. Por un lado quero volver, claro, pero polo outro ves o pouco que che ofrece esa posibilidade. Agora mesmo regresar alá deixaríame no mesmo sitio no que estaba antes: buscando traballo sen crer que o vou atopar e vendo nos medios de comunicación como a cousa vai a peor. É unha situación que funde a calquera. Sei que quero volver pero que antes quero seguir movéndome, por aquí ou por onde sexa.

patricia fernández Varela Xornalista dezá en suíza

«Escoitase moito galego nas rúas

e ata hai bares suizos con polbo

á feira na carta»