A compañía viaxará a Ravenna onde actuará o día 10
29 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.A compañía de títeres Viravolta de Lalín ten previsto desprazarse a Italia no vindeiro mes de decembro para ofrecer unha representación o día 10 na localidade de Ravenna; unha cidade do norte do país famosa polos seus monumentos bizantinos e paleocristiáns onde está soterrado Dante Alighieri, autor de La Divina Comedia. Será no lugar de Sagrato di San Domenico onde representará unha das obras ben coñecidas da agrupación como é «O cego dos monifates».
Un vindeiro mes de decembro que se presenta repleto de actuacións para a compañía lalinense que ten pechadas representacións por distintas cidades galegas ata finais de ano. O 21 de decembro, na Casa da Cultura de Serra de Outes, representarán «Dueto de fío» a partires das 10.30 horas, e ao mediodía no Ceip de Portomarían será «O galo quirico e os seus amigos» os que se encargarán de entreter aos rapaces do centro educativo da localidade. Os compromisos laborais de Viravolta levará os integrantes do grupo á Cidade da Cultura, en Compostela, o día 23 para escenificar á unha do mediodía «O arxina e o felo».
A cidade de A Coruña será a seguinte parada da agrupación; con sendas representacións para os días 28 e 29. O primeiro día na Fundación María José Jove coa obra «Varietés» e, o segundo, no Forum Metropolitano para presentar ás 19 horas, «O poliño feo». A compañía pechará a rolda de actuacións do ano 2012 na cidade olívica o 30 de decembro. No auditorio vigués, ás 18 horas, tocaralle o turno «A caixa de música». Viravolta anuncia tamén a súa participación na mostra expositiva que, do 22 ao 29 de decembro, e baixo o título de «Un mundo de títeres» se celebrará na Fundación María José Jove de A Coruña e mesmo tomará parte no obradoiro de títeres que se desenrolará do 26 ao 28 de decembro na Biblioteca Nodal de Ourense.
A formación mesmo ten pechadas representacións para xaneiro e maio do vindeiro ano. O 3 de xaneiro estará en A Estrada realizando un obradoiro de títeres, e posteriormente representará «O galo Quirico e os seus amigos». Xa para maio pechou unha rolda de actuacións no auditorio do Centro Social de Novagalicia Banco de Vigo, que se materializarán do 6 ao 10; e do 20 ao 22 dese mesmo mes levará «A caixa de música» a Ourense.