«Creo que estamos entre os mellores torneos infatís»

Lorena García Calvo
Lorena garcía calvo LALÍN / LA VOZ

DEZA

A vindeira semana xogarase a fase previa con 24 equipos en competición

28 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A terceira edición do torneo internacional de fútbol de categoría infantil que organiza a Escola de Fútbol Lalín está a piques de botar a andar. Aproveitando as vacacións de Semana Santa terá lugar a fase previa da competición, que incluirá a 24 equipos en cartel.

-¿Todo listo para a vindeira semana?

-Estamos traballando a marchas forzadas. O torneo comezará o xoves e nesta edición ampliamos a tres días a fase previa; teremos competindo 24 equipos. Houbo un cambio de última hora respecto ao programa inicial, e o Portuarios de Ferrol ocupará o posto do Sálvora.

-¿Ter máis dunha vintena de equipos na fase previa significa que o torneo está máis que consolidado?

-Consideramos que si. Ao falar cos equipos danos a impresión de que hai moito interese. Hai moitos clubs que nos chaman interesándose por participar, e dos torneos de categoría infantil que hai, cremos que estamos entre os mellores.

-As cifras que van mover na fase previa son ambiciosas.

-Pois contamos con 24 equipos que entre xogadores e corpo técnico poden mover cada un unhas 25 persoas. Xa son 600, e a eles engadiríaselles todo o público, entre familias e seguidores. Poderíamos estar falando dunhas 2.000 persoas.

-¿Cantos estarán na organización?

-Estas son unhas fechas complicadas para nós porque temos a varios equipos competindo en outros torneos fóra de Lalín, polo que perdemos a algunha xente do club e a algúns pais. Aínda así creo que estaremos sobre unhas 25 ou 30 persoas nas cuestións de organización.

-¿Que clubs estarán nesta fase previa?

-O xoves estarán Conxo, Sporting Estrada, Ural, Barbadás, Calasanz, Cruces, Unión e Coruxo. Nos grupos do venres competirán Portero 2000, Ourense, Polvorín, Santa Mariña, Montañeros, Lamego, Abanqueiro e Calasancio. E o sábado participarán Pabellón Ourense, Boiro, Compostela, Silleda, Arenteiro, Lérez, Galicia de Caranza e Portuarios.

-Os tres mellores clasificaranse para a fase final, ¿que equipos están xa confirmados?

-Pois Real Madrid, Atlético de Madrid, Bilbao, Sporting, Celta, Deportivo, unha selección do Deza e un equipo máis que desvelaremos estes días.

-A selección do Deza será unha novidade.

-Si, é un formato que xa se segue noutros torneos. Teremos dous adestradores da zona que se encargarán de seguir aos nenos dos equipos da zona e que farán unha selección para que veñan a disputar a fase final. Será tamén un premio para os máis destacados.

-Organizar un torneo destas características non semella sinxelo, nin barato. ¿A canto ascende o orzamento desta edición?

-Pois sairanos aproximadamente en 20.000 euros. A fase previa serve, ademais de para dar oportunidade aos equipos para poder enfrontarse cos grandes clubs, como fonte de finanzamento, posto que as entradas e a cantina axudan.

-¿Da medo organizar un torneo desta envergadura?

-Da moito respecto, pero visto o bo resultado das anteriores edicións, apostamos por el.

javier ferreiro presidente da ef lalín