Bamarti aspiraba a pechar a tempada co bo sabor de boca que deixa unha vitoria, pero non puido ser. O bicampión galego tivo que abandonar o pasado sábado o Rali do Botafumeiro no primeiro tramo da tarde e dicir así adeus ao campionato sen poder loitar pola última vitoria do ano.
-A última proba do Galego de ralis non rematou ben.
-Acabamos o ano bastante mal, pero, que se lle vai facer. O coche sufriu unha rotura do diferencial de atrás, da transmisión, e non quixo andar máis. O mecánico díxonos que era a primeira vez que vía romper esa peza, pero... foi así.
-E o abandono foi cando medraban as posibilidades de facer algo grande no Botafumeiro, ¿non?
-Si. Víctor Senra foi rapidísimo todo o día, e nos tramos da mañá, máis lisiños e en teoría máis favorables ao Kit Car, sacounos vantaxe. A pesar de todo á metade do primeiro da tarde xa lle levabamos recortados sei segundos, e iamos incrementando o ritmo. Creo que tiñamos posibilidades para recuperar tempos e poñernos por diante.
-¿Que sensacións lle quedaron do Escort WRC?
-Está claro que as mecánicas cando corres moitísimo e pelexas por tempos castíganse máis, pero ía competindo a bo ritmo.
-Remata o Galego como subcampión autonómico. ¿Que balance fai da campaña?
-Non foi o que esperabamos porque queriamos o campionato. Así e todo, este ano foi mellor que o anterior; o do Botafumeiro foi o primeiro e único abandono da tempada, e perdéronse ralis por moi, moi pouquiño e incluso por circunstancias alleas a nós, así que nese sentido o balance non foi tan malo. A sorte non estivo con nós. Ademais, foi un ano positivo de cara a correr co Peugeot e tamén co Escort. Co WRC vimos que nos adaptamos ben.
-O título deste ano vendeuse moito máis caro que o anterior. ¿Que opina ao respecto?
-Para un piloto é máis bonito correr contra os máis rápidos porque te obrigan a pelexar máis e a tentar superarte. Sempre digo que me encantaría correr un Nacional por iso, porque te mides a pilotos moi, moi veloces e que fan que ti tamén queiras ir máis rápido.
-O campionato 2010 xa é historia. ¿Hai ganas do 2011?
-Si, hai sobre todo ganas de endereitar todo isto. Penso que xa é horas de cambiar o rumbo e ter unha tempada máis tranquila, sen problemas nin erros. Como me din, correr un rali é difícil, acabalo é moi difícil, pero gañalo é dificilísimo. Para min que sexa difícil gañar engádelle máis mérito.
-¿Podemos adiantar algo da próxima campaña?
-Polo momento aínda non. Hai que esperar algo máis. Temos que mirar se nos saen as cousas, e tamén falar coa xente que nos apoia.