«O noso blogue é lector, con reflexións e recomendacións»

Amelia Ferreiroa LALÍN |

DEZA

A profesora lalinense de Lingua e Literatura participa hoxe no sétimo Simposio de Fomento da Lectura, en Santiago

18 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Asociación Galega de Editores promove a celebración do sétimo Simposio Fomento da Lectura: Unha fronteira para o libro, que dende hoxe se celebra no Centro Social Caixanova de Santiago. Un simposio no que intervirá -ás seis da tarde- a profesora de Lingua e Literatura Gracia Santorum López. Falará do blogue «Trafegando ronseis», cuxa elaboración comparte co estradense Anxo Fernández.

-¿Cando naceu o blogue e como están a ir as visitas ao mesmo?

-Naceu no verán de 2007. Contamos cunhas 200, 300 visitas diarias fronte ao cento que tiñamos antes. As entradas ao mesmo proceden de moitos rincóns: Latinoamérica, Cataluña...

-Centrará a súa intervención no fomento da lectura...

-Antes de falar de animación á lectura, comezarei explicando qué é un blogue. É un medio social que se pode usar cun propósito comunicativo. É unha conversa, non só polos comentarios que os lectores aporten nos «post» senón polas ligazóns que van artellando a blogosfera. Unha das miñas manías é a lectura e por iso existe este blogue. É un blogue lector, con reflexións e recomendacións. En «Trafegando ronseis» non hai crítica literaria.

-Plasman unha reflexión sobre un determinado libro, despois de habelo lido, ¿claro?

-Eu comezo un libro e, se me gusta, procedo a colgar o pertinente reflexión sobre o mesmo. Falamos sempre en positivo. Se o libro non me agrada xa non pasa a engordar a lista de recomendados. Por outra banda os álbumes ilustrados son grandes descoñecidos e hai que achegalos ao lector. É unha auténtica obra de arte que se asemella a un paseo polo Museo do Prado.

-¿Cantas actualizacións a diario realizan no blogue?

-Facemos tres entradas diarias, que se poden dividir en tres grandes grupos: pola mañán tratamos algún tema que esté relacionado cos Dereitos Humanos; o mediodía falamos dalgún libro, de animación á lectura ou da lectura en xeral; e pola noite procuramos introducir algún divertimento. Tentamos manter todos os días dita estructura.

-Manter dita estructura despois de tres anos non cansa, ¿non pensan en facer unha paréntese?

-É certo que o blogue lle adicamos moitas horas diarias pero é un traballo para os alumnos. Apórtache unha dimensión á profesión. Considero que dende o blogue podo ser de axuda e non vou desfalecer neste traballo, pese a todas as horas que é preciso adicarlle a un proxecto como o que temos entre mans.