Onte pola tarde camiñaba eu pola rúa Venezuela cando me crucei cunha parella de turistas no momento en que o home lle dicía a súa muller: «Yo pensaba que este pueblo era más bonito».
Este comentario levoume a reflexionar, unha vez máis, sobre o aspecto que presenta a nosa vila. Silleda non ten a sorte de ter unha zona vella pola que pasear, nin unha rúa comercial con soportais, nin unha alameda no medio da vila,.. Silleda non tivo a sorte de ter xestores públicos que planificasen o seu crecemento para crear espazos acolledores para os seus cidadáns. Aquí so se trazaron rúas como liñas de conexión, non como vertebradoras de espazos de convivencia en forma de prazas ou parques. Os fermosos plataneiros que había en moitas zonas de Silleda, a carballeira da praza da Feira Vella, a casa de Brañas, a harmonía en altuas do barrio das Baratas,... o noso mellor pasado urbano está destruído, porque o negocio inmobiliario primou sempre sobre a construción racional.
Sendo esta a situación, a miña reflexión é como podemos mellorar o que temos. E atopo a mellor resposta dende a óptica da concienciación veciñal e da creación dunha cultura urbanística baseada na autoestima. Só dándolle nós mesmos valor ó que temos seremos capaces de melloralo. Cando un veciño adecenta a fachada da súa casa, non só o fai para el, estao facendo para todos. Cando alguén coloca e coida prantas con flores nas súas ventás, non só o está facendo para si, estao facendo para todos os que van a disfrutar mirando para elas; cando se deseña e constrúe un edificio bonito, cando se restaura unha casa vella, os beneficios non son só para os seus propietarios, senón para toda a veciñanza.
Se a disciplina urbanística fora esixida e respectada por todos nós a vila luciría doutro xeito e nos faría máis dignos como cidadáns: un edificio non pode permanecer inacabado de maneira indefinida; non se pode dar licenza de primeira ocupación a unha vivenda que non ten adecuadamente rematados todos os seus paramentos; non debemos permitir que se deixe sen recebar o ladrillo; non nos pode resultar indiferente que haxa solares sen valar cheos de maleza ou de escombro. Temos que deixar de ser insensibles á fealdade. Só asi poderemos sentirnos orgullosos do lugar no que vivimos. Lucía Ares Fondevila, veciña de Silleda