Paus de vidente

Andrea Díaz

DEZA

Se a un lle dan paus de cego, a única resposta é dar paus de vidente». Xa o dicía Benedetti, e razón tiña cando pronunciou tan sabias verbas. Dar paus de cego, tal expresión emprégase para significar o prexuizo que se sofre ao proceder sen tino nen cautela, simplificando: ao tolo. Pois ben, o Concello de Silleda, dende o departamento de Servizos Sociais, pretende organizar unha festa de Halloween o vindeiro día 31 do presente mes. Sinal, unha vez máis, de que dende o Concello dan paus de cego. Que é o Halloween? Ou mellor dito, que simboliza para nós, os galegos, o Halloween? Episodios dos Simpson bañados de sangue? Películas americanas nas que os nenos petan ás portas berrando «trick or treat»?.

O normal sería que en vez de celebrarse tal festividade, que os propios estadounidenses alteraron a respecto do Samaín levado polos emigrantes irlandeses a América, se conmemore unha festa autenticamente galega, que mesmo na nosa zona tiña acordo non hai tantos anos, o propio Samaín.

O Samaín é unha festividade de orixe céltico que se celebra por Tódolos Santos. Ten as súas orixes na antiguidade, fai 3.000 anos, nos pobos celtas de Europa, entre eles en Galiza, Irlanda e distintas zonas de Gran Bretaña. Segundo a tradición, no Samaín expoñianse as cabezas dos enemigos derrotados nas portas das casas para alonxar aos malos espíritus.

É unha mágoa que a iniciativa cultural que se leva a cabo en Silleda sexa programada por parte das distintas asociacións culturais e sociais. Mágoa que os intentos por parte do Concello de promover algunha actividade cultural sexan tan desafortunados. As mozas e mozos de Galiza Nova consideramos que é fundamental fomentar a recuperación da nosa cultura e das nosas tradicións. Non queda máis que, seguindo as palabras de Benedetti, dar paus de vidente.